A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acudiu a unha xornada cos participantes de Galeuropa

06 Mar 2018

A Xunta axuda á mocidade a orientar a súa traxectoria profesional no mercado galego tras o seu paso polo programa Galeuropa

Os mozos e mozas veñen de rematar as súas prácticas formativas en 27 países europeos

O obxectivo do encontro é realizar un balance do programa así como ofrecer relatorios de orientación cara o mercado laboral galego co fin de facilitar a inserción laboral dos participantes

A titular do departamento autonómico sostivo que a Xunta seguirá a fomentar esta aposta por potenciar e reter na nosa comunidade o talento da xuventude

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe nunha xornada formativa cos mozos e mozas beneficiarios de Galeuropa no 2017 e que veñen de rematar as súas prácticas formativas en 27 países europeos. O obxectivo é realizar un balance do programa, que inclúe relatorios de orientación cara o mercado laboral galego co fin de facilitar a inserción laboral dos participantes.

O programa Galeuropa, que Xunta de Galicia ven potenciando desde o ano 2010, permitiu que o ano pasado 372 mozos e mozas saísen, con billete de ida e volta, a desenvolver prácticas fóra de España co fin de coñecer en primeira persoa o mundo laboral europeo, perfeccionar as súas habilidades lingüísticas no idioma do país de destino e adquirir habilidades e competencias profesionais e persoais que lles axudarán na súa empregabilidade.

Cecilia Vázquez destacou a importancia de fomentar entre a xuventude a formación non formal de adquisición de habilidades e coñecementos, cada vez máis valorados polas empresas, a través dos programas europeos, neste caso con estadías de prácticas formativas non remuneradas de entre 2 e 3 meses de duración en entidades/empresas públicas ou privadas europeas.

“O ano pasado executamos con Galeuropa máis de dous millóns de euros europeos destinados a reforzar o talento galego que sae das universidades e dos estudos de formación profesional co fin de que retornen das súas prácticas máis preparados para enriquecer o tecido industrial galego coa súa experiencia internacional”, sostivo a titular do departamento autonómico, que avanzou que esta seguirá a ser unha das apostas máis importantes de Xuventude.

As axudas do programa Galeuropa, dirixido ás persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, se conceden ben a nivel individual aos mozos e mozas participantes ou ben mediante concesión de axudas a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude, así como a proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades.