Encontro de Correspondentes Xuvenís no albergue xuvenil de Gandarío

26 Feb 2018

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, reuniuse cos participantes no Encontro autonómico dos correspondentes 3.0 que se celebrou esta fin de semana no albergue xuvenil de Gandarío. Alí, os 210 participantes, recibiron formación para actuar como mediadores e ferramentas para previr o acoso escolar e o cyberbulling.

Cecilia Vázquez explicoulles a importancia desta formación para eles xa que o seu labor de dinamización e divulgación das iniciativas e programas destinados á xente da súa idade abarca tamén as redes sociais e os blogs. “A nosa intención é que, como transmisores de información, podades ser un referente nun uso da Internet máis respectuoso e con actitudes e comportamentos saudables con vistas a convivir nunha contorna máis segura”, comentou.

A formación, que busca tamén que os participantes se inicien como mediadores na prevención do acoso nos seus centros educativos, foi impartida por parte Patricia Gómez Salgado, docente da Universidade de Santiago de Compostela, doutora en psicoloxía é experta nesta temática, así como pola psicóloga Noa Tilve, técnica do Centro Quérote+ da Xunta.

Estes alumnos e alumnas de segundo ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos formativos, con idades comprendidas entre os 14 e 20 anos, dan a coñecer e difunden nos seus centros educativos, nos seus contornos máis próximo, nas redes sociais e nos bloqs os programas e recursos para a mocidade postos en marcha pola Administración, xa sexan da Dirección Xeral de Xuventude ou bolsas de axudas, ofertas de traballo, direccións de interese, aloxamentos xuvenís ou información sobre ocio e tempo libre.

Durante a súa estancia no albergue xuvenil de Gandarío, os participantes tamén desenvolveron un programa lúdico, compartiron experiencias e coñeceron como se organizan os seus compañeiros doutros centros para a difusión da información.

Os Correspondentes Xuvenís 3.0 teñen a oportunidade de potenciar as súas habilidades comunicativas e sociais e de transmitir valores como a solidariedade, a participación entre iguais e o liderado. A súa labor é recoñecida pola dirección Xeral de Xuventude cun certificado oficial e coa gratuidade dos carnés xoves, internacional e de alberguista. Teñen tamén a opción de solicitar un Certificado de experiencia en educación non formal