Concurso para a selección do cartel do programa Xuventude Crea 2018

24 Xan 2018

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, con motivo do programa Xuventude Crea 2018, convoca un concurso co fin de elaborar o cartel do dito programa.

PARTICIPANTES
Poderán participar no concurso todas aquelas persoas de entre 18 a 30 anos, ambas inclusive, e residentes en Galicia, agás o/a gañador/a do premio na edición do ano anterior.

TEMA
O tema e a técnica serán libres. As obras deben incluír obrigatoriamente o texto “Programa Xuventude Crea 2018” así como as especialidades que o compoñen: artes plásticas, banda deseñada, cociña, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, relato breve, poesía, skate, teatro e videocreación.
Admitiranse traballos realizados tanto de forma individual como en grupo.

CONDICIÓNS
Cada autor/a ou autores/as poderán participar con dúas obras orixinais, inéditas e en galego.
A obra premiada pasará a ser propiedade da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que adquirirá sobre esta o dereito pleno á súa utilización, reprodución e difusión.
A citada dirección xeral queda facultada para introducir algunha modificación na obra premiada se existira algunha dificultade técnica para a súa impresión ou para introducir algún texto ou logotipo que non figure inicialmente nestas bases.
O cartel gañador será a imaxe do Programa Xuventude Crea 2018 e poderá ser utilizado parcial ou totalmente para o seu deseño, páxina web ou calquera outra iniciativa que considere a organización.

DOCUMENTACIÓN
As obras presentaranse en formato vertical cunhas dimensións de 50x70 cm, montadas en superficie ríxida (cartón pluma) que facilite a súa manipulación, e deberán estar feitas en formato dixital para poder facer as modificacións que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado considere oportunas. En ningún caso poden levar o nome nin a sinatura.
Os/as artistas poderán confeccionar as súas obras con liberdade de procedemento e cor.
Todas as obras irán acompañadas dos seguintes documentos:
- Solicitude de inscrición debidamente cuberta.
- Ao dorso de cada obra figurará un lema ou pseudónimo que servirá para preservar a identidade do/a artista ata o fallo do xurado. Este lema ou pseudónimo aparecerá, en letras maiúsculas, no exterior dun sobre pechado aparte, sen facer alusión ningunha que permita identificar ao autor/a, sendo causa de exclusión do concurso o incumprimento desta norma.
- Dentro do sobre pechado irán os datos do/a artista: nome, apelidos, fotocopia do DNI, idade, enderezo postal completo, enderezo electrónico, teléfono de contacto, ficha explicativa e CD da obra e unha declaración asinada indicando que o traballo é orixinal e inédito.
Se se apreciasen defectos ou falta de documentación por parte da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, requirirase á persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición.

LUGAR E PRAZO DE ENTREGA
O prazo de admisión das obras estará aberto ata o 28 de febreiro de 2018 e poderanse enviar por correo postal a:

Concurso deseño do cartel programa Xuventude Crea 2018
Consellería de Política Social
Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 3º
15781 Santiago de Compostela

Igualmente admitirase a entrega da documentación en calquera rexistro, en horario de 9:00 h a 14:00 h, presentando a solicitude de inscrición para o seu posterior selo de entrada.

Calquera información sobre o concurso ou solicitude de presentación a este, pode obterse mediante contacto coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nos teléfonos 981 541 689, 981 545 702.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado porá o máximo coidado nas obras recibidas, pero declina toda responsabilidade de perdas, roturas, roubos, furtos ou danos nas obras por razón de forza maior ou calquera outra causa allea á súa vontade, tanto nos actos de recepción e devolución como durante o tempo que estean baixo a súa custodia.
Unha vez recibidas as propostas e pechado o prazo de admisión, procederase á súa valoración por un xurado responsable de resolver o concurso.

XURADO
A composición do xurado farase pública na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, http://xuventude.xunta.gal
O fallo difundirase mediante unha nota na citada web e por teléfono a partir do día seguinte do fallo do concurso.

PREMIO
O/a autor/es/as da obra gañadora recibirá un único premio de 500 euros. Esta cantidade estará suxeita á lexislación vixente, aplicándose sobre a dita cantidade as retencións
legalmente establecidas.
A entrega do premio farase mediante transferencia bancaria ao número de conta que facilite o gañador/a.

FALLO
Antes do fallo do xurado, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado poderá levar a cabo unha exposición dos traballos presentados.
O fallo do xurado será inapelable e poderá ser declaro deserto se así o considera este.

DEVOLUCIÓNS
Para a devolución das obras non premiadas existirán dous procedementos para ser retiradas:
1. persoalmente polo seu autor/es/as ou
2. mediante delegación, por escrito, noutra persoa no lugar onde foron entregadas, no prazo de 30 días que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación do/a gañador/a na web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
As obras non premiadas que non foran retiradas polas persoas interesadas no prazo establecido, pasarán á libre disposición da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
A participación neste concurso implica de forma automática a plena e total aceptación, sen reservas, das presentes bases.

Máis información en: xuventudecrea.cps@xunta.gal

FORMULARIO DE INSCRICIÓN