Bolsas de formación en asuntos europeos

27 Dec 2017

A Fundación Galicia Europa convoca seis bolsas de formación para a realización de prácticas en asuntos europeos nas oficinas da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e en Bruxelas:

4 bolsas estarán destinadas a persoas tituladas universitarias para a formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas, así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos, nas que se valorarán preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais e Ciencias Económicas. Destas catro bolsas, dúas estarán destinadas na oficina da FGE de Bruxelas e outras dúas na de Santiago de Compostela.

1 bolsa estará destinada a persoas tituladas universitarias para a formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos, con destino na oficina de Bruxelas. As persoas candidatas a esta bolsa deberán estar en posesión do grao ou licenciatura en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.

1 bolsa estará destinada a persoas técnicas superiores de formación profesional para a realización de prácticas con destino na oficina de Bruxelas que deberán estar en posesión da titulación de técnica/o superior en Secretariado ou en Asistencia á Dirección.

O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2018 cunha duración máxima de 11 meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras.

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:
1. Nacionalidade: ter nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
2. Ser natural de Galicia, ou ser fillo/filla de galegos ou acreditar residencia en Galicia desde antes do 1 de xaneiro de 2015.
3. Titulación: estar en posesión dalgún dos títulos requeridos.

As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento PR770N
O prazo de inscrición estará aberto ata o 29 de xaneiro de 2018.
Máis información no DOG do 28 de decembro de 2017 e en http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/tipo2.asp?idSeccion=8