A Axencia Nacional Española para o Erasmus+ destaca a elevada participación de Galicia neste programa europeo de Xuventude

20 Dec 2017

A Comunidade Autónoma acaparou este ano o 8,5% do investimento total do Erasmus+ no conxunto do Estado con subvencións por valor de 1,2 millóns de euros

Galicia rexistrou 61 proxectos promovidos por entidades, asociacións xuvenís e grupos informais de xente nova

O plan de traballo para a convocatoria de 2018 dá prioridade, entre outros aspectos, a propostas que faciliten a adquisición de competencias e habilidades dirixidas á empregabilidade e ao desenvolvemento persoal

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe en Madrid na xuntanza do IV Consello Reitor da Axencia Nacional Española (ANE) para o desenvolvemento do programa Erasmus+. A xuntanza, que tivo lugar na sede do Instituto da Xuventude (Injuve) do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade contou coa participación de responsables no ámbito das políticas xuvenís das Comunidades Autónomas.

No encontro abordouse, entre outros asuntos, os resultados da xestión do programa Erasmus+ nas diferentes rexións españolas, situándose de novo Galicia entre as máis activas tanto en número de proxectos presentados e aprobados como nos fondos recibidos pola Unión Europea para o desenvolvemento dos mesmos. Así , no presente ano de 2017 rexistráronse 61 iniciativas promovidas por entidades, asociacións xuvenís e grupos informais de xente nova a abeiro deste programa, recibindo unha subvención total de 1,2 millóns de euros. Esta cifra supón o 8,5% do investimento total do Erasmus+ no conxunto do territorio nacional.

Ao respecto, Cecilia Vázquez salientou que estes datos de participación “poñen de manifesto o interese da mocidade galega por implicarse en propostas e proxectos que axuden a mellorar a súa formación, habilidades e coñecementos, así como a facer posible o intercambio de experiencias con rapaces e rapazas doutras zonas de Europa”. Nesta liña, lembrou que o programa Erasmus+ ten entre os seus obxectivos específicos mellorar o nivel de aptitudes e competencias da xuventude, promover a participación na vida democrática en Europa e a inserción no mercado de traballo, o diálogo intercultural, a inclusión social e a solidariedade.

Os representantes das comunidades tamén trataron nesta reunión o plan de traballo para o vindeiro ano 2018, no que se fixan como prioridades o desenvolvemento de competencias e habilidades dirixidas á empregabilidade e ao desenvolvemento persoal, así como a participación na vida social; a promoción da educación empresarial, o emprendemento social e as actividades sen ánimo de lucro entre a xente nova; e o fomento da inclusión da xuventude con menos oportunidades, con especial énfase naqueles en risco de marxinación.

Así mesmo, e coincidindo coa celebración do Ano Europeo da Herdanza e o Patrimonio, a nova convocatoria do Erasmus+ tamén prestará especial atención ao valor social e educativo do patrimonio cultural europeo, desde a perspectiva da súa contribución á creación de emprego, o crecemento económico e a cohesión social.