A Xunta amosa o talento da mocidade na gala final do certame Xuventude Crea

14 Dec 2017

Máis de 370 mozos e mozas con idades entre os 16 e os 30 anos presentaron as súas propostas a esta edición do programa

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela puxo en valor o talento e enxeño da mocidade na gala de entrega de premios de ‘Xuventude Crea 2017’ que se celebrou esta tarde na Cidade da Cultura de Galicia e no que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e de numerosos membros do Goberno autonómico. Á edición deste ano presentáronse 299 proxectos individuais ou colectivos -58 máis que os rexistrados no certame de 2016- autoría de 376 participantes entre os 16 e os 30 anos de idade.

Na súa intervención, Rey Varela sinalou que este evento “é a maior manifestación das posibilidades creativas da xuventude galega”. Nesta liña, indicou que o papel da Xunta pasa “pola defensa da liberdade creativa; a aposta polo desenvolvemento da xente nova e o establecemento de vías de apoio á súa creatividade, valores, habilidades e capacidades; así como apoiar aos autores máis novos que comezan o seu labor artístico nos diferentes ámbitos da creación”.

Ademais, o conselleiro apuntou que programas como ‘Xuventude Crea’ supoñen “incrementar as posibilidades dos novos valores artísticos e dos emprendedores neste ámbito no día de mañá”. “Poñemos a disposición da mocidade as plataformas nas que manifestar as súas inquedanzas artísticas e culturais ao tempo que fomentamos a creatividade deste colectivo”, afirmou.

‘Xuventude Crea’ está composto por doce disciplinas: artes plásticas, banda deseñada, cociña, deseño de xoias, fotografía, grafitti, moda, música, O poesía, relato breve, teatro e videocreación. Os participantes nestas especialidades optaron aos seguintes premios: 3.000 euros para os primeiros gañadores; 1.500 euros para os segundos; e 1.000 euros para os terceiros. Tamén se outorgaron mencións de honra, sen dotación económica.