I Concurso de ideas “Luísa Villalta” de proxectos culturais pola igualdade

13 Nov 2017

A Deputación da Coruña convoca o I Concurso de ideas “Luísa Villalta” de proxectos culturais pola igualdade.

O concurso ten como obxectivo o fomento da cultura en igualdade mediante a realización de proxectos que poñan en valor o papel cultural, histórico e social das mulleres e/ou contribúen de forma relevante ao avance no asentamento social da aposta pola igualdade de xénero.
Os proxectos procurarán unha filosofía integradora, participativa e de visibilización social das mulleres no campo social e cultural.

Convócanse dez premios, por un importe máximo de 20.000 € cada un para facilitar o desenvolvemento do proxecto.

Os proxectos poden orixinarse a partir dalgún dos diferentes campos artísticos: son (música...), palabra (literatura, investigación…), escena (teatro, danza…), artes plásticas, imaxe (audiovisual, fotografía, curtametraxe, documental…) ou outros entornos creativos (arte urbana, arte dixital…).

O xurado seleccionará un máximo de dez proxectos, tendo en conta os seguintes criterios:
- Interese do proxecto para a promoción da igualdade de xénero desde o ámbito artístico e cultural.
- Calendario de actuacións culturais e/ou artísticas concretas e impacto social do proxecto en favor da igualdade de xénero, con especial atención ao territorio da provincia da Coruña.
- Uso da perspectiva feminista na conceptualización, deseño e desenvolvemento do proxecto.

Persoas ou colectivos destinatarios.
Poderán presentar os seus proxectos todas aquelas persoas físicas ou xurídicas con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia e que estean legalmente constituídos no momento de facer a solicitude como profesionais inscritas/os no Réxime Especial de traballadora/es autónoma/os, entidades de economía social e/ou empresas.

O prazo de presentación das candidaturas estará aberto ata o 13 de decembro de 2017

Máis información no BOP da Coruña do 13 de novembro de 2017