A Xunta de Galicia celebra unha xornada sobre políticas de información xuvenil destinada a futuros profesionais do eido

07 Nov 2017

Preto de 50 alumnos do ciclo de animación sociocultural e turística asistiron ao encontro no que coñeceron as accións levadas a cabo pola administración autonómica no ámbito da mocidade

Os asistentes realizaron aportacións para avanzar na redacción do novo Decreto de desenvolvemento da Lei de xuventude de Galicia

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu hoxe á xornada Políticas de información xuvenil que está a celebrar a Xunta de Galicia ao longo do día no centro coordinador de Santiago.

O obxectivo deste encontro é achegar aos futuros profesionais da información xuvenil, como técnicos superiores en animación sociocultural e turística, unha visión das políticas de levadas a cabo pola administración autonómica no ámbito da mocidade, así como dar a coñecer a rede galega de información xuvenil.

Deste xeito, pola mañá asistiron á xornada 23 alumnos do ciclo de animación sociocultural e turística do CIFP de Portovello de Ourense, e pola tarde acudirán outros 25 alumnos da mesma especialidade do IES Rosalía de Castro de Santiago.

Os asistentes obterán información de diversas actuacións da Consellería de Política Social, como Correspondentes xuvenís, o programa de Garantía xuvenil+SIX, Galeuropa, Xuventude Crea, Iniciativa Xove ou Interactuando no tempo libre entre outros.

Así mesmo, os participantes nesta xornada poderán realizar aportacións para avanzar na redacción do novo Decreto de desenvolvemento da Lei de Xuventude de Galicia, que compete aos estudantes que están a participar na xornada, tanto no que se refire ao ámbito da información xuvenil como no de dirección e coordinación de actividades de lecer e tempo libre infantil e xuvenil.

A titular do departamento autonómico destacou durante a súa intervención a importancia da celebración deste tipo de encontros para traballar de xeito conxunto cos mozos e mozas na creación e desenvolvemento de políticas efectivas para a xuventude galega.