A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia pon en marcha o certame Música Xove Emerxente, cos obxectivos de ofrecer aos novos grupos musicais galegos ferramentas de participación en accións que faciliten a promoción da súa creatividade, de establecer un espazo de encontro, coñecemento, información e formación e, sobre todo, de relacións.
Trátase dun espazo aberto cara a creatividade e talento dos mozos e mozas, así como a creación de oportunidades mediante o intercambio e posta en común de ideas.
PARTICIPANTES
Poderán participar todos os grupos musicais compostos por mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia.
Nos grupos musicais haberá, polo menos, dous membros menores de 30 anos.
Os músicos non poderán aparecer en máis dun grupo dos que participen no certame.
CONDICIÓNS XERAIS
Os grupos que desexen participar deberán rexistrarse e inscribirse na páxina web www.musicaxoveemerxente.gal
As condicións de inscrición serán as seguintes:
- Pequeno dossier do grupo en PDF no que se incluirán os contactos de todos os membros do grupo, (teléfonos e direccións de correo electrónico correctamente identificados cos seus nomes e tamén as súas datas de nacemento).
- Plano de escenario en PDF (e a poder ser, especificacións técnicas e listaxe de canles).
- 3 imaxes actuais do grupo (fotos, logo..).
- 2 ligazóns de vídeos dalgunha das súas actuacións ou videoclips.
- Entre 2 e 4 temas en formato MP3 gravados polas formacións inscritas (Indicando o título de cada canción e o nome do grupo).
- Ligazóns con calquera dirección URL que achegue máis información do grupo (web, facebook, bandcamp, twitter, instagram etc.).
INSCRICIÓNS
Cada grupo deberá inscribirse no apartado da provincia que lle corresponda, segundo se indica na páxina web.
A inscrición será na web destinada ao certame www.musicaxoveemerxente.gal Cada grupo deberá rexistrarse e subir a información solicitada.
O prazo de inscrición abrirase entre o 1 e o 27 de novembro de 2017.
DESENVOLVEMENTO
Haberá un período para as inscricións e outro período para as votacións, que dará como resultado un grupo gañador por cada provincia.
Cada grupo inscrito poderá efectuar a súa votación co seu nome de usuario e contrasinal, que consistirá en darlle o seu voto a 4 grupos que previamente se inscribiron nas 4 provincias galegas (só se poderá dar un voto por provincia, incluíndo a súa, non se poderá votar cada grupo a si mesmo).
O prazo de votacións abrirase o 4 de decembro e estará aberto ata o día 17 de decembro.
O resultado final, sumando os votos obtidos, será o que determine cales foron os grupos vencedores por cada provincia.
Cada grupo resultante gañador na súa provincia elixirá 2 formacións doutras distintas provincias á súa, para levar a cabo un CONCERTO co seu grupo e as 2 formacións elixidas, que non terán porque ser as gañadoras das súas provincias xa que se poderán elixir a estes 2 grupos baseándose nos gustos persoais ou afinidade de estilos musicais (co único requisito de que estean inscritos no certame).
Cada grupo resultante gañador na súa provincia elixirá unha sala de concertos nesta (con licenza para a devandita actividade), coa que a organización acordará unha data para a celebración do CONCERTO coas 3 formacións (deberanse achegar as propostas de 2 salas máis como alternativa, no caso de que non fose viable a primeira opción por cuestións de loxística ou dispoñibilidade).
Como norma, o grupo residente cederá o seu backline para o CONCERTO, independentemente de que calquera outro grupo convidado queira levar algún elemento a maiores do devandito backline, tendo entón que cedelo para o uso das formacións que o necesitasen (os baterías deberán levar o seu propio pedal de bombo, caixa e pratos). No escenario haberá un único backline compartido e haberá un encargado de produción que coordinará o evento. No caso de que se producise algunha dúbida co backline, sería a organización quen decidiría como resolvela.
- As actuacións de cada unha das formacións seleccionadas para os concertos terá unha duración máxima duns 50 minutos aproximadamente e a orde estableceráa o grupo anfitrión de mutuo acordo coa organización.
O acceso a cada concerto será gratuíto.
A organización poñerase en contacto coas 4 formacións gañadoras nas súas provincias para indicarlles como han de facer oficial a elección dos grupos cos que quererán compartir o seu CONCERTO e saber que sala de concertos elixiron para realizar o seu CONCERTO en cada provincia.
A organización solicitará a todos os grupos elixidos para os concertos unha declaración responsable de que teñen repertorio para actuar dun mínimo de 40 minutos e tamén as letras das cancións do repertorio que vaian interpretar.
A organización poñerase en contacto coas diferentes salas elixidas para acordar as datas que mellor se adecúen a todas as partes implicadas.
A organización correrá con todos os gastos de alugueiro das distintas salas.
A organización contratará a cea dos grupos participantes nun lugar próximo á sala.
Os grupos desprazados terán á súa disposición unha noite de hotel na localidade ou o máis preto posible onde se celebre cada CONCERTO ao que estean convidados e para iso, a organización correrá cos gastos derivados da devandita hospedaxe. A organización recomenda non viaxar despois dos concertos.
Todos os integrantes dos grupos participantes na fase de concertos serán dados de alta na seguridade social por parte da organización, sendo este un requisito indispensable.
Se algún dos grupos seleccionados para os concertos tivese entre os seus compoñentes alguén menor de 16 anos, este deberá achegar, no seu momento, unha autorización paterna/materna/titor/a legal.
As datas dos concertos serán confirmadas en función da dispoñibilidade das salas elixidas e dos grupos participantes.
A organización achegará a cada grupo residente 100 carteis de tamaño A3 coa información de cada concerto, para a súa colocación e repartición onde crean oportuno e tamén unha imaxe co deseño do devandito cartel para promover nas redes sociais. A organización gardará 10 carteis para que os grupos convidados poidan ter como recordo.
Toda a información cos grupos seleccionados publicarase o día 22 decembro do 2017 na web www.musicaxoveemerxente.gal e na web www.xuventude.net no apartado de Música Xove Emerxente.
RELACIÓN DE GRUPOS MAIS VOTADOS e grupos que elixen para os seus concertos
PROVINCIA | GRUPO MAIS VOTADO | PUNTOS | GRUPO ELIXIDO 1 | GRUPO ELIXIDO 2 |
Por A Coruña: | NORTONES | 7 puntos | BLUNK(Pontevedra) | MAZE ON(Lugo) |
Por Lugo: | MAZE ON | 12 puntos | BLACK WINGS(Ourense) | REBEL ROOTS(Pontevedra) |
Por Ourense: | SUEÑOS DE ÍTACA | 6 puntos | BLUNK(Pontevedra) | EVERET( A Coruña) |
Por Pontevedra: | BLUNK | 6 puntos | SUEÑOS DE ÍTACA(Ourense) | NORTONES(A Coruña) |
No caso de que se producise un empate, sería a organización quen decidiría como resolvelo.
Calquera dúbida ou consulta poderase realizar a través do correo electrónico copra@mundo-r.com
DISTINCIÓNS/PREMIOS
Os grupos cobrarán, netos de impostos, 300€ (trescentos euros) por cada actuación.
OUTROS
Todas as formacións participantes deberán seguir en todo momento as instrucións da organización para o bo desenvolvemento dos concertos, respectando os tempos de que dispoñerá cada grupo para a súas probas de son e a súa actuación, a risco de ser penalizados no caso de non respectar as indicacións do representante da organización.
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.