#SMXenteDeseXable

11 Out 2017

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convídavos a colaborar na campaña #SMXenteDeseXable para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental (10 de outubro). Buscamos que o maior número de persoas, concellos e entidades de Galicia perciban o seu apoio á realidade de que as persoas con problemas de saúde mental son persoas que desexan e que son desexables.

O obxectivo desta campaña é facer visible o apoio social para rachar cos estereotipos e o estigma social que rodea á sexualidade da mocidade cun problema de saúde mental e seguir ofertando accións formativas tanto a mozas e a mozos, a familias como a profesionais, para favorecer o desenvolvemento da súa sexualidade e a súa afectividade de xeito satisfactorio.

Expoñemos as accións previstas nesta campaña:
Do 9 ao 13 de outubro: sacar unha foto co hashtag da campaña #SMXenteDeseXable (como se mostra na imaxe que se acompaña). A idea é que o maior número de persoas saquen a foto co compromiso de apoiar a campaña e mobilizar as redes sociais con mensaxes construtivas a nivel social. A imaxe poderá publicarse na propia rede social da persoa, concello e/ou entidade e remitila a Quérote+ para xuntala á documentación da campaña.

Posteriormente, desde o servizo Quérote+, farase unha recompilación de imaxes e elaborase un cartel co lema. O cartel será publicado nas redes sociais e será remitido en formato dixital á persoa, concello e/ou entidade remitente.

No caso de ter interese en participar e desexar ter máis información, pode contactar a través do correo electrónico querotemais@xunta.gal ou por teléfono no 981 223 913.