A Xunta de Galicia promove a educación e sensibilización para previr e evitar a violencia a través de Iniciativa Xove

09 Out 2017

Os participantes convivirán durante a fin de semana no albergue de ecoturismo Alvarella e xuntos abordarán diversos temas como o bullying ou a violencia de xénero

A Consellería de Política Social achegou 5000 euros para a celebración deste evento

A Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado asistiu hoxe ás xornadas XAC-Xóvenes como axente de cambio promovidas por Cruz Vermella Xuventude e que se están a celebrar durante a xornada de hoxe e mañá en Vilarmaior.


As xornadas, xirarán entorno á educación e sensibilización para evitar e previr a violencia nas súas diferentes manifestacións. O obxectivo é promover unha mocidade activa e solidaria mediante a non violencia e o fomento de valores como a convivencia, a tolerancia e o respecto; que os mozos e mozas podan ser axentes de cambio desde a perspectiva da non violencia.


Os participantes convivirán durante a fin de semana no albergue de ecoturismo Alvarella e abordarán xuntos temáticas como: rompendo mitos sobre as migracións, o bullying e o acoso escolar, a violencia de xénero e o conflito desde unha perspectiva positiva, entre outras.


A Consellería apoia este proxecto cunha subvención de 5.000 euros como financiamento integral das xornadas, a través do programa Iniciativa Xove da Consellería de Política Social, que posibilita a posta en marcha de proxectos por parte das entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas, cuxo desenvolvemento facilita a adquisición de habilidades e ferramentas á mocidade así como a vivencia de experiencias e aprendizaxes no ámbito da educación non formal. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destina este ano 545.000€ a este programa que permite a execución de 119 proxectos.