A Xunta facilita a mobilidade de 20 mozos e mozas da comarca de Ordes para realizar prácticas formativas no estranxeiro a través de Galeuropa

27 Set 2017

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cos mozos e mozas participantes no proxecto promovido pola Mancomunidade de municipios de Ordes no marco do programa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, convocado pola Consellería de Política Social.
Trátase de 20 mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpren a condición de beneficiarios e que nos vindeiros días iniciarán as súas prácticas formativas non retribuídas cunha duración de dous meses en empresas de Portugal, Italia e Reino Unido.
A contía da axuda por mozo/a está en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma; e inclúe unha axuda para os gastos de aloxamento e manutención e axuda para a viaxe. O importe total da axuda inclúe para a entidade de envío unha axuda á organización da mobilidade (550 euros por participante) e a súa execución, así como unha axuda á entidade de acollida.

Cecilia Vázquez sinalou que “este proxecto de mobilidade é un exemplo de unión de esforzos e medios entre administracións para ofrecer á mocidade ferramentas para a mellora da súa formación que lle permitan adquirir habilidades e capacidades complementarias para achegarse un pouco máis ao obxectivo profesional marcado; de reforzar a súa autoestima en termos de empoderamento que lle dea forzas e motivación para avanzar no seu itinerario persoal e profesional”. “Debemos lembrar que a Mancomunidade de municipios da comarca de Ordes, creada no ano 1976 e integrada polos concellos de Frades, Ordes, Mesía, Trazo, Oroso, Tordoia e Cerceda, é a máis antiga da Comunidade Autónoma galega”, engadiu a directora xeral.

A directora xeral lembrou que a mobilidade na formación ofrece aos mozos e mozas oportunidades de fortalecer as súas capacidades xenéricas e específicas para avanzar no seu proceso formativo e incrementar as súas posibilidades de inserción no mercado de traballo. “A mobilidade non é un fin en si mesma, debemos entendela como a adquisición de novas competencias nun entorno cultural e social novo, que facilita a adquisición de coñecementos e competencias mediante metodoloxías de aprendizaxe distintas ao modelo formativo do país de orixe”, explicou a directora.

Cecilia Vázquez rematou a súa intervención lembrando que “a Comisión Europea no documentoUnha estratexia da Unión Europea para a xuventude: Investimento e Capacitación, destaca que unha das claves para o desenvolvemento persoal e a mellora da empregabilidade da mocidade é a súa participación en programas de mobilidade”.

Galeuropa


O programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Cun orzamento no ano 2017 de 2.176.515,40 euros, pretende financiar e apoiar á mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas entre dous e tres meses de duración en entidades/empresas públicas ou privadas de 27 países da Unión Europea ben directamente concedendo axudas individuais aos mozos e mozas ou ben mediante concesión de axudas a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude ou proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta última convocatoria na modalidade de axudas a entidades locais, foron aprobados os catro proxectos presentados cun orzamento adxudicado de 356.419,09 euros e un total de 67 mobilidades aprobadas: 31 para Reino Unido, 13 para Irlanda, nove para Italia, nove para Finlandia e cinco para Portugal. As entidades locais beneficiarias son: a agrupación de concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces, con 20 mobilidades de tres meses de duración; a agrupación de concellos Negreira- Val do Dubra con 18 mobilidades de tres meses de duración; a Mancomunidade de concellos de Ordes con 20 mobilidades de dous meses de duración; e o Concello de Ourense con nove mobilidades de dous meses de duración.

No apartado de axudas a entidades sen ánimo de lucro foron presentados 26 proxectos, dos que resultaron beneficiarios 15 cun orzamento adxudicado de 1.000.000 de euros e un total de 188 mobilidades aprobadas: 72 para Italia, 45 para Portugal, 23 para Irlanda, 12 para Bulgaria, 11 para Reino Unido, cinco para Malta, catro para Polonia, catro para Alemaña, catro para Francia, catro para Chipre e catro para República Checa.

Na modalidade de axudas individuais, recibíronse un total de 286 solicitudes, dos que resultaron beneficiarios 160 mozos e mozas cun orzamento adxudicado de 674.527,26 euros. Segundo o país de realización das prácticas, estes 160 mozos e mozas realizarán a súa mobilidade nun total de 18 países: 53 no Reino Unido; 38 en Portugal; 16 en Irlanda; 11 en Malta; 10 en Alemaña; cinco en Francia; cinco en Grecia; catro en Italia; tres en Bélxica, Países Baixos e Polonia, respectivamente; dous en Dinamarca e dous en Eslovaquia; e un respectivamente en Austria, Eslovenia, Hungría, Letonia e Suecia.