A Xunta ofrece información a monitores de tempo libre a través do proxecto 'Camiñando xuntos' financiado por Iniciativa Xove

26 Set 2017

As axudas do programa Iniciativa Xove teñen como fin que a mocidade adquira unha serie de destrezas, aptitudes e competencias transversais que lles permitan unha doada transición cara as responsabilidades que deben asumir na vida adulta

No 2017, investíronse 545.000 euros destinados a apoiar a posta en marcha de 119 proxectos, dos que 61 desenvólvense na provincia da Coruña

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu ao encontro aberto sobre participación xuvenil que se desenvolve no albergue xuvenil da REAJ Art Surf Camp en Carballo no marco do proxecto Camiñando xuntos da Federación ASDE Scouts de Galicia financiado a través do programa Iniciativa Xove. No encontro participan principalmente scouts e monitores de tempo libre con fin de traballar no eido da lexislación e seguridade nas actividades de tempo de lecer en Galicia.

O encontro enmárcase nun proxecto que ten como finalidade espertar a iniciativa e creatividade na mocidade para impulsar accións que melloren o noso entorno social máis próximo, así como fomentar a concienciación sobre a necesidade da implicación activa dos mozos e mozas como camiño para o liderado.

Ao abeiro deste proxecto realizáronse diversas actividades: unha campaña de difusión nas rúas sobre a importancia da doazón de sangue tratando de concienciar aos mozos e mozas; unha acampada na natureza para amosar á xuventude unha alternativa de ocio sá á vez que se traballa para mellorar o espazo natural e se abordan temas como a reciclaxe e o coidado do medio ambiente; un concurso de imaxe creativa Vida na natureza con recopilación de todas as fotos recibidas; e o encontro sobre participación xuvenil celebrado na xornada de hoxe.

Iniciativa Xove

As axudas do programa Iniciativa Xove teñen como fin fundamentalmente que os mozos que desenvolven os proxectos financiados a través do programa adquiran unha serie de destrezas, aptitudes e competencias transversais que lles permitan unha doada transición cara as responsabilidades que deben asumir na vida adulta, enfocándose especialmente en facilitar o seu acceso ao emprego.
Neste ano 2017 introducíronse novas áreas prioritarias a ter en conta positivamente na valoración dos proxectos de cara a seren apoiados pola Dirección Xeral, nomeadamente a promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas, a sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, a inclusión social e laboral dos colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables, a valorización do patrimonio cultural, o desenvolvemento e dinamización do medio rural e a dinamización da lingua galega entre a mocidade.

No 2017, investíronse 545.000 euros destinados a apoiar a posta en marcha de 119 proxectos, que xa se están levando a cabo ou o farán ao longo deste ano: 42 por parte de grupos informais de mozos/as, 32 de entidades asociativas de ámbito autonómico e 45 de entidades asociativas de ámbito provincial (17 da Coruña, 6 de Lugo, 10 de Ourense e 12 de Pontevedra).

Na provincia da Coruña se financian a través do programa Iniciativa Xove un total de 61 proxectos que supoñen un investimento de arredor de 277 mil euros.