A Xunta fomenta a integración de persoas con discapacidade intelectual a través dun intercambio xuvenil internacional Escoitar

20 Set 2017

Os obxectivos desta acción son traballar no desenvolvemento do seu empoderamento persoal e social e dotalos de ferramentas e habilidades sociais para favorecer a súa integración, entre outros 

A directora xeral de Xuventude Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe nun taller de musicoterapia dentro das actividades que forman parte do intercambio xuvenil IntegrArte que reúne na Comunidade Autónoma de Galicia do 18 ao 29 de setembro a 21 mozos e mozas con discapacidade intelectual de Chipre, Portugal e España.

Este intercambio, organizado pola Asociación de acción Social, Educación Permanente e de Servicios á xuventude e á muller Tempus e cun orzamento de 18.680 euros, é un dos 21 proxectos de mobilidade aprobados en Galicia na primeira quenda do ano 2017 do programa europeo ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’. Son socios do proxecto as entidades: Association of Parents and Friends of Children with Special Needs da localidade de Limassol (Chipre) e a Cooperativa de Educação e Reabilitação de Crianças Inadaptadas de Fafe (Portugal).

Os obxectivos deste proxecto son fomentar a integración social das persoas con discapacidade intelectual, traballar no desenvolvemento do seu empoderamento persoal e social; dotar aos participantes de ferramentas e habilidades sociais para favorecer a súa integración; traballar o sentimento de ser protagonistas do seu futuro e a autodeterminación das persoas con discapacidade intelectual e fomentar a tolerancia e erradicar prexuízos cara outras culturas e da propia discapacidade intelectual. Así mesmo pretende impulsar o espírito crítico e a análise social a través da alfabetización mediática; adentrar aos mozos e mozas participantes na cultura, a arte e a música como instrumentos de integración social; aprender a importancia da intelixencia emocional; e contribuír á concienciación dos valores e expectativas da Unión Europea e do programa Erasmus+.

Durante os 12 días de duración do proxecto IntegrArte, un grupo de mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e 25 anos e con discapacidade intelectual (7 por país) están a experimentar con formación práctica, recursos e ferramentas para empoderarse como persoas autónomas e independentes, erradicar estereotipos e dar un paso cara a súa plena inclusión social. Así, están a compoñer a letra dunha canción que será a base dun videoclip como forma de reivindicar os seus dereitos e para a súa visualización en redes sociais e nos medios de comunicación.

Cecilia Vázquez sinalou que “un dos obxectivos do programa Erasmus+ é promover a equidade e a inclusión facilitando o acceso dos mozos e mozas que proceden de entornos desfavorecidos e con menos oportunidades”. “A mobilidade promove maiores oportunidades de aprendizaxe, de cidadanía, inclusión social e solidariedade e reforza vínculos entre os mozos participantes” engadiu a titular autonómica, ao tempo que asegurou que a participación en proxectos de educación non formal facilita a adquisición de competencias, aptitudes e habilidades que axudarán ao desenvolvemento persoal, educativo e profesional dos mozos.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado destacou que Galicia é unha das Comunidades Autónomas máis activas dentro do Erasmus+, tanto polo número de proxectos presentados e aprobados como nos fondos recibidos pola Unión Europea para contribuír ao financiamento da posta en marcha dos mesmos. O programa estrutúrase en tres accións clave: mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe; cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas; e apoio ás reformas das políticas.

Nas dúas primeiras quendas do 2017 do programa Erasmus+: Xuventude en Acción foron aprobados 39 proxectos promovidos por concellos, grupos informais de mozos e mozas e asociacións xuvenís cun orzamento total de 677.832 euros, sen prexuízo dos proxectos aprobados noutros países europeos e nos que organizacións e mozos e mozas galegos participan activamente.

O programa europeo Erasmus+ para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014 – 2020, ten entre os seus obxectivos específicos mellorar o nivel de aptitudes e competencias dos mozos e mozas; promover a participación na vida democrática en Europa e no mercado de traballo; a cidadanía activa; o diálogo intercultural; a inclusión social e a solidariedade; posibilitar ás persoas que traballan no ámbito da xuventude e aos mozos e mozas maiores oportunidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe; potenciar a dimensión internacional das actividades xuvenís e o papel dos traballadores e organizacións no eido da xuventude como estruturas de apoio aos mozos e mozas.

A titular do departamento autonómico sinalou que “Erasmus+ é un dos proxectos de maior éxito da Unión europea. Durante tres décadas ven ofrecendo, en particular aos mozos e mozas, oportunidades de adquirir experiencias e de ampliar os seus horizontes viaxando ao estranxeiro”. O que comenzou no ano 1987 como un modesto programa de mobilidade para estudantes de educación superior creceu e enriqueceu as vidas de máis de 9 millóns de participantes directos. “Durante tres décadas ven ofrecendo, en particular aos mozos e mozas, oportunidades de adquirir experiencias e de ampliar os seus horizontes viaxando ao estranxeiro”, engadiu a directora xeral.

Cecilia Vázquez rematou a súa intervención lembrando que “ao longo do ano 2017, baixo o lema ‘De Erasmus a Erasmus+: 30 anos de historia’ estanse a celebrar actos a escala europea, nacional e local que relatarán a historia do programa Erasmus+ e dos seus predecesores nos últimos 30 anos.