A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe cos 20 mozos e mozas participantes na última xornada da segunda edición de Líderes de futuro- Programa de Liderado e Innovación Social, unha iniciativa que ten como obxectivo potenciar as competencias clave dos mozos e mozas, así como facilitarlles as ferramentas conceptuais e prácticas necesarias, que lles permitan enfrontarse con éxito a proxectos cun impacto social positivo na súa contorna.
Esta segunda edición do programa Líderes de Futuro desenvolveuse nas instalacións do albergue xuvenil de Gandarío en catro xornadas ao longo dos meses de marzo, abril, maio e setembro. Cada xornada centrouse nun módulo concreto, cunha combinación de formación teórica e obradoiros prácticos: participación e empoderamento xuvenil; innovación e emprendemento no ámbito da sociedade civil; emprendemento e modelos de negocio disruptivos; e liderado social: características e competencias.
Cecilia Vázquez asegurou que estas xornadas “ofrecen aos mozos e mozas ferramentas dirixidas ao fortalecemento das súas habilidades e competencias e ao aumento da súa capacidade de liderado co obxecto de que melloren a súa empregabilidade e que consigan as súas metas profesionais”. “Con este programa ofrecemos un espazo de encontro, coñecemento, información e de formación en habilidades, e, sobre todo, en relacións”, engadiu.
Nesta última xornada, os participantes recibiron formación sobre liderado social e desenvolvemento do propio talento e habilidades. O venres e o sábado as actividades formativas tiveron lugar nas propias instalacións do albergue xuvenil de Gandarío e o domingo nas inmediacións do porto de Sada cunha actividade náutica orientada á adquisición de competencias no ámbito do traballo en equipo, a orientación ao logro e a escoita activa.
Cecilia Vázquez sinalou que “esta actividade formativa pretende facilitar o contacto entre mozos e mozas líderes na nosa comunidade autónoma, construíndo unha rede que favoreza a colaboración en proxectos de impacto social positivo entre entidades xuvenís e de acción voluntaria e mozos e mozas a título individual”. O programa tivo un enfoque basicamente práctico, cun aposta polo aprendizaxe a través da análise de realidades concretas. Por iso, “instrumentos como os estudos de casos, as simulacións, o traballo en grupo e as discusións abertas foron os elementos centrais das catro xornadas na que se desenvolveu esta segunda edición do programa”, explicou a titular autonómica.
Ao finalizar a súa intervención, a directora xeral fixo entrega a todos os participantes dun diploma acreditativo.