A Xunta desenvolve no albergue de Gandarío un campamento solidario para menores en situación de garda ou tutela

05 Set 2017
  • Un grupo de 30 nenos e nenas de entre 9 e 11 anos de idade conviven durante unha semana nas instalacións xuvenís da Xunta no municipio coruñés de Bergondo, onde se implican en actividades deportivas, de natureza, obradoiros ou xogos populares, entre outras.
  • A través desta iniciativa, o Goberno galego chega a menores que atravesan unha circunstancia persoal especial e que precisan de experiencias deste tipo para divertirse, ilusionarse, convivir nun clima de campamento no que se relacionan en liberdade e confianza, primando a súa seguridade e benestar


A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e a de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, acompañaron na xornada de hoxe aos nenos e nenas que desde o pasado día 29 de agosto e ata mañá martes conviven nas instalacións xuvenís de Gandarío. Un grupo de 30 menores de entre os 9 e os 11 anos de idade que teñen aberto expediente de protección na Administración autonómica participan neste campamento, que leva por nome ‘Aventura en Gandarío’ e que se enmarca no programa Vacacións Solidarias da Consellería de Política Social.

Os departamentos autonómicos de Xuventude e Familia organizan de maneira conxunta esta iniciativa, que resultou gañadora do Premio Vacacións Solidarias 2017 que outorga a Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ). Durante a semana que dura a experiencia, os nenos e nenas teñen a oportunidade de gozar dun amplo programa de actividades que comprende, entre outras, as seguintes: volei pé, aula de natureza mariña e intermareal, obradoiros de diferentes temáticas, xogos de orientación e da tradición popular, actividades na praia ou tiro con arco.

Cecilia Vázquez e Amparo González indicaron que o obxectivo desta acción é que os menores vivan unha experiencia inesquecible, xa que para moitos esta é a primeira vez que participan nun campamento. Deste xeito, a Xunta fai posible a través ‘Vacacións Solidarias’ o acceso ao lecer de menores con menos recursos e nunha situación de protección, ao tempo que fomenta actividades de educación non formal cun programa de actividades culturais, deportivas e de aventura baseadas na cooperación.

Así mesmo, outros obxectivos que se promoven entre os participantes deste campamento son os hábitos de vida saudables; inculcar valores de respecto e cooperación; educar na importancia de preservar o medio ambiente; potenciar a autonomía dos nenos e nenas mediante a participación activa; recuperar os xogos que estimulan a imaxinación, a habilidade e a creatividade; e fomentar a comunicación e a iniciativa, capacitando aos menores para a toma de decisións e o traballo en equipo.

O Goberno galego, por medio deste programa de ‘Vacacións Solidarias’, chega a menores que atravesan unha circunstancia persoal especial e que necesitan de experiencias deste tipo para divertirse, ilusionarse e convivir nun clima de campamento no que se relacionan en liberdade e confianza, primando a súa seguridade e benestar.