A Xunta fomenta a integración e a igualdade de oportunidades a través de campamentos inclusivos na campaña de verán 2017

28 Ago 2017
  • Un total de 115 persoas con diferentes capacidades desfrutaron da programación elaborada pola Consellería de Política Social no marco da iniciativa ‘O teu verán colle nunha mochila’
  • O departamento autonómico realizou diversas obras de mellora da accesibilidade no Albergue Xuvenil de Gandarío para garantir a autonomía dos usuarios con discapacidade

 

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, realizaron esta mañá unha visita ao Albergue Xuvenil de Gandarío, onde os participantes da quenda específica para persoas con discapacidade da campaña de verán da Xunta de Galicia apuran as súas últimas horas antes de partir cara aos seus fogares. Unha actividade que se enmarca no amplo abano de propostas elaboradas pola Consellería de Política Social no marco da campaña estival “O teu verán colle unha mochila”.

As directoras xerais visitaron as instalacións recentemente melloradas mentres está a ter lugar a última quenda para persoas con discapacidade do campamento e no que un total de 30 mozos e mozas de entre 26 e 40 anos están a desfrutar destas instalacións dende o pasado 20 de agosto. Entre as actividades programadas para este colectivo están exercicios de ximnasia adaptada, deporte na praia, actividades de iniciación ao teatro ao aire libre, actividades acuáticas, risoterapia e a construción de castelos na area, entre outras cousas, e sempre que o tempo o permita.

Cecilia Vázquez, subliñou a importancia de desenvolver este tipo de estadías na que os participantes gozan dunha programación de ocio educativo e tempo libre nun entorno incomparable como é o Albergue Xuvenil de Gandario. E, ao fío, lembrou que durante a campaña de verán un total de 115 persoas con discapacidade desfrutaron dos campamentos tanto nas quendas específicas como nas ordinarias.

Obras de mellora na accesibilidade no albergue de Gandarío

A finais do pasado 2016 a Consellería de Política Social realizou diversas actuacións de mellora que se centraron na adquisición de equipamento de soporte e axuda ás transferencias para persoas con mobilidade reducida, así como equipamento de soporte posicional dos usuarios tales como guindastres, cadeiras de rodas para ducha, cadeiras anfibias para piscina e praia e coxíns posicionais.

A este respecto, Fabiola García apuntaba logo da visita a importancia que ten impulsar este tipo de obras de adaptación para así fomentar a integración e insistiu que “os traballos realizados son un paso adiante na loita en favor da igualdade de oportunidades e como garante dunha correcta autonomía para os usuarios das quendas específicas dos campamentos nestas instalacións”. Unhas actuacións cuxo custo ascendeu a 230.000 euros.

O teu verán colle nunha mochila

Os campamentos específicos para persoas con discapacidade están incluídos dentro da Campaña de verán 2017 da Xunta de Galicia. Unha campaña na que están a tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades están dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitiron a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.