A Xunta pon en marcha unha nova edición de Galeuropa cunha xuntanza cos mozos e mozas beneficiarios das axudas individuais

28 Ago 2017


  • Un total de 160 rapaces e rapazas menores de 30 anos e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil recibirán axudas individuais para financiar a viaxe, estancia e manutención no estranxeiro durante os dous ou tres meses que durará a súa formación
  • O programa Galeuropa conta este ano cun orzamento global superior aos 2 millóns de euros, que se distribúen entre achegas individuais, a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro ou a proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades

 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, participou esta mañá nun encontro informativo cos beneficiarios do programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa 2017 no apartado de axudas individuais. A este encontro, que tivo lugar nas dependencias administrativas de San Caetano, estaban citados 160 mozos e mozas menores de 30 anos inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma que participarán neste programa.

Trátase dunha xornada previa ao inicio das prácticas formativas non retribuídas en empresas e entidades públicas ou privadas de países europeos dunha duración entre dous e tres meses. A contía da axuda por beneficiario depende tanto do país de realización da práctica formativa como da duración da mesma. O importe da axuda total inclúe unha achega para os gastos de aloxamento e manutención, así como para a viaxe e para apoio lingüístico.

Na modalidade de axudas individuais, recibíronse un total de 286 solicitudes e resultaron beneficiarios 160 mozos e mozas cun orzamento adxudicado de 674.527,26 euros. Segundo o país de realización das prácticas, estes 160 mozos e mozas realizarán a súa mobilidade nun total de 18 países: 53 no Reino Unido; 38 en Portugal; 16 en Irlanda; 11 en Malta; 10 en Alemaña; cinco en Francia; cinco en Grecia; catro en Italia; tres en Bélxica, Países Baixos e Polonia, respectivamente; dous en Dinamarca e dous en Eslovaquia; e un respectivamente en Austria, Eslovenia, Hungría, Letonia e Suecia.

Neste ano 2017, o programa Galeuropa conta cun orzamento global de 2.176.515,40 euros es está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. A iniciativa, que forma parte do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, ten por finalidade financiar e apoiar á mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas entre dous e tres meses de duración en entidades ou empresas públicas ou privadas de 27 países da Unión Europea. Así mesmo e ao respecto das achegas económicas, estás poden ser individuais aos mozos e mozas así como a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no eixo da xuventude ou a proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades.


Mellora da empregabilidade


A directora xeral salientou que “un eixe prioritario das políticas de Xuventude desta administración é o destinado ao fomento da mobilidade xuvenil”. Nesta liña de traballo enmárcase o programa Galeuropa, xa que ten como finalidade apoiar a formación da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade, favorecendo a adquisición de novos coñecementos, habilidades, capacidades e cualificacións para facilitar a súa inclusión no mercado de traballo, de xeito que poidan constatar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do currículo.

Así, con estas mobilidades se intenta dotar á comunidade de profesionais con coñecementos non só das habilidades propiamente da súa titulación senón tamén que coñezan o funcionamento do mundo empresarial internacional e á súa vez con dominio de idiomas estranxeiros. Preténdese que os mozos e mozas alcancen e asimilen unha visión a nivel persoal e profesional que contribuirá á mellora da súa vida persoal e profesional á vez que se dota de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego, así como tamén contribúe a descubrir novas posibilidades para a internacionalización das empresas galegas.

Cecilia Vázquez sinalou que segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre Os programas de Educación non formal e a empregabilidade da xuventude en Galicia, presentado en 2016 e que analizou os resultados de tres programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, o desemprego entre os participantes en Galeuropa diminuíu nun 67%. O estudo destaca que antes das prácticas, un 70,4% dos participantes estaba no paro, cifra que se reduciu posteriormente ata o 23,4%.

De conformidade co Programa Operativo de Emprego Xuvenil, a mobilidade, transnacional, pode constituír un elemento fundamental na formación dos mozos e mozas, tanto pola experiencia adquirida como polo apoio que pode supoñer a aprendizaxe dun idioma estranxeiro. Desta maneira, pode aportar un valor engadido á formación permanente dos mozos e a súa traxectoria profesional e proporcionarlle máis oportunidades de emprego.

A Consellería de Política Social considera prioritario apoiar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para os mozos e mozas, medidas que deben contribuír a facilitar o seu acceso ao mercado de traballo, reducir os obstáculos lingüísticos e fomentar a súa autonomía persoal mediante a mellora da súa empregabilidade.

A responsable de Xuventude finalizou a súa intervención recordando que unha vez finalizados os proxectos, os participantes poden obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permite confirmar a participación nos programas de educación non formal e sobre todo validar as competencias adquiridas.