A Xunta reúne a máis de 2000 mozos e mozas en Lugo coa campaña O teu verán colle nunha mochila

25 Ago 2017
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou o campamento de Viveiro
  • Cecilia Vázquez saudou aos rapaces e rapazas que participan no campamento ‘NaturArea: medioambiente mariño e náutica’ en Viveiro
  • Este ano na Campaña de verán están a tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016 con actividades dirixidas a mozos de 9 a 30 anos

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe o campamentos da localidade lucense de Viveiro. Unha actividade enmarcada na campaña O teu verán colle nunha mochila, que a Consellería de Política Social pon a disposición da xuventude galega para o período estival.

O campamento NaturArea: medioambiente mariño e náutica ofrece aos seus participantes a posibilidade de practicar diferentes actividades no entorno acuático entre as que se atopan a práctica de vela, windsurf, wakeboard, kaiak, snorkel, skimboard e paddlesurf ademais do desenvolvemento doutras actividades coma unha aula de natureza mariña, volei praia, tiro con arco e xeocaptura. Cecilia Vázquez tivo a oportunidade de saudar aos 100 mozos e mozas de entre 13 e 15 anos que desfrutan deste campamento.

Durante a visita, Cecilia Vázquez dedicou unhas palabras á importancia que ten a realización de este tipo programas destinados aos máis novos. Deste xeito, destacou a influencia positiva que teñen estas actividades no plano persoal ao gozar dunha programación de ocio educativo e de tempo libre de primeiro nivel. Así mesmo, lembrou que no que respecta ao total provincial, Lugo oferta este ano 2155 prazas: 1985 nos campamentos de verán para rapaces e rapazas con idades de 10 a 17 anos, e 170 prazas nos campos de traballo.

'O teu verán colle nunha mochila'

En total, en toda a Campaña de verán están a tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades están dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.
Na programación estival inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitiron a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.