A Xunta fomentará o coñecemento do turismo rural entre a mocidade galega con actividades de educación non formal

24 Ago 2017
  • A Consellería de Política Social e Turismo de Galicia asinaron hoxe en San Caetano o convenio de colaboración para a posta en marcha deste novo programa
  • O programa permitirá que 480 mozos e mozas vivan unha experiencia de turismo rural ao tempo que desenvolven un programa formativo no que abordarán diferentes temáticas: creatividade, coaching e motivación, enfrontarse a unha entrevista de traballo ou accións relacionadas co coñecemento e coidado do patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia
  • A iniciativa desenvolverase durante os fins de semana do vindeiro mes de outubro en aloxamentos turísticos de Carnota, Os Ancares, Eume, O Courel, Manzaneda e Xurés

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinaron esta mañá un convenio de colaboración co dobre obxectivo de impulsar o coñecemento do turismo rural entre a xuventude e, ao mesmo tempo, mellorar as súas competencias a través da educación non formal. O acto de sinatura tivo lugar nas dependencias administrativas da Xunta en San Caetano e tamén contou coa asistencia da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez.

Esta nova iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Os participantes levarán a cabo actividades relacionadas co coñecemento da riqueza natural, seu coidado e o contacto coa natureza, durante estadías de fin de semana en aloxamentos turísticos no medio rural, emprazados tanto no interior como en zonas costeiras. Ademais, recibirán formación en temáticas como creatividade, coaching e motivación, como enfrontarse a unha entrevista de traballo e realizarán accións relacionadas co medio ambiente.

O conselleiro José Manuel Rey Varela destacou deste programa conxunto con Turismo de Galicia o feito de que “permitirá á mocidade adquirir novas competencias e habilidades e ter un mellor coñecemento do patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia, ao tempo que se promove o respecto polo mesmo”. Neste sentido, engadiu que con esta iniciativa “ademais de proporcionar aos mozos e mozas a posibilidade de vivir unha experiencia de turismo rural, promovemos a educación ambiental e o ocio sostible, así como a mellora das súas competencias e aptitudes”.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia sinalou que para respectar o noso patrimonio “é imprescindible coñecelo e saber valoralo, de aí a relevancia desta actuación conxunta”. Nava Castro subliñou que este acordo permite afondar nun dos obxectivos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, que propón medidas para sensibilizar as novas xeracións sobre o turismo e a súa capacidade como motor de desenvolvemento. “Sexa como turistas ou como anfitrións, desexamos que os máis novos compartan os valores intrínsecos de Galicia como destino”.

O programa desenvolverase durante as catro fins de semana do mes de outubro en seis aloxamentos rurais situados en Carnota, Os Ancares, Eume, O Courel, Manzaneda e Xurés. Ofertaranse un total de 480 prazas, a razón de 20 prazas por fin de semana e instalación.

O presuposto para a realización desta iniciativa ascende a 80.000 euros, sufragados a partes iguais entre Política Social e Turismo de Galicia, e que se destinarán a abonar os custes de aloxamento e manutención dos participantes, así como do persoal técnico que se encargará de impartir o programa formativo e á compra do material que sexa preciso para o seu desenvolvemento.