A Xunta salienta a oferta de ocio educativo e de conciliación que supoñen os campamentos xuvenís da Campaña de Verán

23 Ago 2017
  • O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe aos participantes no campamento de Furelos, no municipio coruñés de Melide
  • Nas diferentes quendas de xullo e agosto pasarán polas instalacións xuvenís de Melide 240 rapaces e rapazas menores de 18 anos, que realizarán actividades realizadas co medio ambiente e o deporte de natureza
  • Este é o sexto ano consecutivo que o Goberno galego incrementa as prazas na Campaña de Verán, ofertando neste verán un total de 9572, 526 máis que na edición de 2016

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá o campamento xuvenil Furelos, en Melide, onde un grupo de 60 mozos e mozas de 12 a 14 anos de idade están a participar estes días en diversas actividades relacionadas coa natureza e de carácter deportivo. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, tamén participou na visita a este campamento denominado Natureza no camiño e que se desenvolve ao abeiro da Campaña de Verán 2017.

De feito, este campamento é un dos seis que se desenvolven ao longo dos meses de xullo e agosto en diversas instalacións xuvenís da provincia da Coruña: Sada, Bergondo, Porto do Son, Boiro, Sobrado dos Monxes e Melide. Cando remate o actual período estival terán pasado por este albergue melidense 240 rapaces e rapazas menores de 18 anos, en catro quendas distintas. Rutas en bicicleta, sendeirismo, tiro con arco, kaiak, biomergullo fluvial, longboard, xeocaptura e a realización de obradoiros de temática variada son algunhas das actividades nas que participan os integrantes deste campamento.

Campamentos xuvenís como o de Furelos teñen lugar nun total de 22 albergues e instalacións por toda a xeografía galega. Tamén se ofertan prazas que os mozos e mozas galegos poidan participar en campamentos de intercambio nas comunidades autónomas do País Vasco, Castela e León, Estremadura, Madrid, A Rioxa e Cantabria. Así mesmo, mozos e mozas desas comunidades tamén veñen a Galicia para participar nos nosos campamentos. No caso concreto deste campamento de Melide, na anterior contou coa presenza dun grupo de 30 raparigos e raparigas de Cantabria.

Rey Varela fixo fincapé durante a súa visita a ampla oferta para a mocidade que contén a Campaña de Verán deste ano, cunha programación de ocio educativo e de tempo libre de primeiro nivel. Así mesmo, salientou que esta campaña tamén constitúe un recurso de conciliación estival para as familias, así como unha fonte de xeración de emprego no sector debido á necesidade de contar con monitores e directores de tempo libre para desenvolver esta programación.

Este é o sexto ano consecutivo que a Xunta de Galicia incrementa as prazas da Campaña de Verán e a actual é a máis ambiciosa ao ofertar un total de 9572, 526 máis que no exercicio anterior, e ao incrementar nun 11% o orzamento ata acadar os 2,9 millóns de euros.