A Xunta de Galicia apoia a mobilidade xuvenil a través do programa A Xuventude no mundo

23 Ago 2017
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado recibiu hoxe aos 14 mozos que participarán a vindeira semana nun intercambio con xaponeses
  • Cecilia Vázquez resaltou que os intercambios “consolidan valores como a solidariedade, a democracia e a amizade e facilitan a concienciación intercultural e a mellora das competencias lingüísticas”
  • A Xunta de Galicia pon en marcha o programa ‘A Xuventude no mundo’ para cumprir o seu obxectivo de promoción da mobilidade xuvenil

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, recibiu hoxe aos 14 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que participarán no intercambio de ida á Prefectura de Wakayama (Xapón) do 29 de agosto ao 5 de setembro, no marco do programa de mobilidade xuvenil A Xuventude no mundo.

Cecilia Vázquez resaltou que durante a semana de duración do intercambio, “os participantes galegos serán os embaixadores da cultura galega no Xapón, ao tempo que coñecerán a cultura e lingua xaponesa, as súas costumes, interactuarán con mozos e mozas xaponeses en distintas actividades e durante tres días convivirán con familias xaponesas de acollida”.

O programa que desenvolverán estes 14 mozos e mozas combina actividades educativas e culturais como a recepción polas autoridades da Prefectura de Wakayama; unha reunión de traballo na universidade, na que os mozos, galegos e xaponeses, traballarán conxuntamente para coñecer e dar a coñecer as súas rexións; a visita á cidade de Tanabe e ao Mosteiro de Koyasan Nishimuroin: ou o percorrido dunha parte do Camiño Kumano Doso no que visitarán o Centro do Patrimonio Kumano Hungu e o santuario sintoísta Kumano Hongo Taisya.

A titular do departamento autonómico fixo especial fincapé na realización deste percorrido, pois “a cultura galega e a xaponesa se ben son moi distintas, están unidas por un vínculo, os dous itinerarios de peregrinación: o Camiño de Santiago en Galicia e o Camiño Kumano Kodo en Wakayama, dúas rutas recoñecidas pola Unesco como Patrimonio da Humanidade, puntos de referencia no que converxe a pluralidade de concepción de distintos pobos, culturas, linguas e relixións”.

Vázquez resaltou que os intercambios xuvenís “permiten aos mozos e mozas participantes desenvolver habilidades, competencias e coñecementos, descubrir novas culturas, costumes e estilos de vida, consolidar valores como a solidariedade, a democracia e a amizade e facilitar a concienciación intercultural e a mellora das competencias lingüísticas”. O proceso de aprendizaxe realízase a través de métodos de educación non formal. Neste senso, recordou que, ao abeiro da Orde do 26 de febreiro de 2015, da participación no programa A Xuventude no mundo derívase o dereito á expedición do certificado de educación non formal en materia de xuventude, certificado a través do que se lle da visibilidade á aprendizaxe non formal adquirida e se validan as competencias asumidas, contribuíndo así á mellora das posibilidades de emprego da mocidade galega.

A Prefectura de Wakayama e a Xunta de Galicia comparten vínculos desde a sinatura do seu irmandamento en 1998. A partir dese ano estanse a realizar distintos programas conxuntos, en especial centrados no turismo e na cultura. No que respecta á xuventude, en 2009 estableceuse un protocolo de traballo entre as dúas administracións rexionais para favorecer os lazos de unión entre as entidades xuvenís de Wakayama e Galicia. Así con este grupo de mozos e mozas galegas esta será a décimo cuarta experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta de Galicia e a Prefectura de Wakayama, sumando un total de 215 participantes.

Horizonte 2020

A Xunta de Galicia ten como un dos seus eixos prioritarios das políticas de xuventude a promoción da mobilidade xuvenil. Deste xeito, o Plan estratéxico de Xuventude de Galicia 2014-2020, Horizonte 2020, inclúe 20 medidas de fomento da mobilidade xuvenil. Unha mobilidade que se debe entender non coma a participación pasiva en meros viaxes turísticos ou vacacionais, xa que os mozos e mozas son acollidos por unha entidade xuvenil do país de referencia e comparten un amplo programa de actividades, o que supón unha implicación activa dos mozos na vida social, cultural e educativa, da rexión á que temporalmente se van a desprazar.