A Xunta facilita que máis de 400 mozos e mozas fagan prácticas en países da Unión Europea ao abeiro do programa Galeuropa

20 Ago 2017
  • A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado adxudicou as axudas para esta iniciativa de mobilidade transnacional e de mellora da empregabilidade
  • Galeuropa, incluído no Programa Operativo de Emprego Xuvenil e cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo, destina máis de dous millóns de euros para axudar a financiar a estadía dos participantes nos países onde completarán a súa formación

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia vén de adxudicar as axudas para a iniciativa de mobilidade transnacional xuvenil Galeuropa, incluída no Programa Operativo de Emprego Xuvenil e cofinanciada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. Esta proposta, dirixida aos mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ten como obxectivo mellorar a súa empregabilidade ao facilitarlles a realización de prácticas formativas non retribuídas no estranxeiro e ampliar así os seus currículos.

Ao respecto das achegas económicas, estás poden ser individuais aos mozos e mozas así como a proxectos de mobilidade de entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no eixo da xuventude ou a proxectos de concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades. O que se procura é financiar e apoiar a mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas non remuneradas entre dous e tres meses de duración en entidades ou en empresas tanto públicas como privadas de 27 países da Unión Europea (UE).

Así, e cun orzamento adxudicado inicialmente por riba dos dous millóns de euros, un total de 415 mozos e mozas realizarán prácticas nos vindeiros meses no marco do programa Galeuropa. O período de realización destas prácticas rematará o 30 de novembro.

No caso das entidades locais, foron aprobados os catro proxectos presentados cun orzamento adxudicado 356.419,09 € e un total de 67 mobilidades aprobadas distribuídas da seguinte maneira 31 para Reino Unido, 13 para Irlanda, 9 para Italia, 9 para Finlandia e 5 para Portugal. As entidades locais beneficiarias son: a agrupación de concellos de Boqueixón, Vedra e Vila de Cruces, con 20 mobilidades de tres meses de duración; a agrupación de concellos Negreira-Val do Dubra con 18 mobilidades de tres meses de duración; a Mancomunidade de concellos de Ordes con 20 mobilidades de dous meses de duración; e o Concello de Ourense con 9 mobilidades de dous meses de duración.

E no que atinxe ás entidades sen ánimo de lucro foron presentados 26 proxectos dos que resultaron beneficiarios 15, cun orzamento adxudicado dun millón de euros e un total de 188 mobilidades aprobadas: 72 para Italia, 45 para Portugal, 23 para Irlanda, 12 para Bulgaria, 11 para Reino Unido, 5 para Malta, 4 para Polonia, 4 para Alemaña, 4 para Francia, 4 para Chipre e 4 para República Checa.

As entidades sen ánimo de lucro beneficiarias con 15 mobilidades aprobadas de tres meses de duración son: Asociación Erasmus Compostela (Santiago), Xeración Asociación Cultural (Narón), Sustinea (Ourense), Euroxuventude (A Coruña), Asociación Foro, LC (Oleiros) e a Asociación cultural Ingalicia (A Coruña). Así mesmo, con 14 mobilidades de tres meses de duración resultaron beneficiarias a Asociación Sociocultural Luenda (A Baña) e a Asociación Cultural, Recreativa, Deportiva e Xuvenil Muxema (Negreira). Con 12 mobilidades de tres meses de duración foron adxudicatarias a Asociación Universitaria Ciencias da Educación (Ourense) e Amigos da Terra (Ourense); con 8 mobilidades de tres meses de duración: Fundación Paideia Galiza (A Coruña), Asociación Fogart (Santiago), Asociación Xuvenil e Deportiva Joy (Ames) e a ONG Mestura (Culleredo); e finalmente a Federación EFA Galicia obtivo 14 mobilidades de dous meses e sete días de duración.

Na modalidade de axudas individuais, recibíronse un total de 286 solicitudes das que resultaron beneficiarios 160 mozos e mozas cun orzamento adxudicado de 674.527,26 euros. Segundo o país de realización das prácticas, estes 160 mozos e mozas realizarán a súa mobilidade nun total de 18 países: 53 no Reino Unido; 38 en Portugal; 16 en Irlanda; 11 en Malta; 10 en Alemaña; 5 en Francia; 5 en Grecia; 4 en Italia; 3 en Bélxica, Países Baixos e Polonia, respectivamente; 2 en Dinamarca e 2 en Eslovaquia; e 1 respectivamente en Austria, Eslovenia, Hungría, Letonia e Suecia.
A contía da axuda por mozo/a está en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma; e inclúe unha axuda para os gastos de aloxamento e manutención e axuda para a viaxe, e axuda para apoio lingüístico (150 euros) para as mobilidades individuais. No caso de proxectos de mobilidade de concellos e entidades sen ánimo de lucro, o importe total da axuda inclúe para a entidade de envío unha axuda á organización da mobilidade (550 euros por participante) e a súa execución, así como unha axuda á entidade de acollida. Está previsto un anticipo do 80 % do importe da axuda.