A Xunta enche de mozas e mozos a localidade coruñesa de Porto do Son co campamento ‘Natureza xunto ao mar’

21 Ago 2017
  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe aos participantes nesta actividade
  • Os rapaces e rapazas que toman parte nesta acción da campaña de verán, con idades comprendidas entre os 13 e 17 anos, están a realizar actividades como paddle surf, biomergullo mariño ou surf entre outras
  • Ofertáronse un total de 660 prazas para este campamento dividido en oito quendas ao longo da tempada estival

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe o campamento Natureza xunto ao mar, emprazado na localidade coruñesa de Porto do Son, onde 60 mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos, están a disfrutar estes días dun tempo de ocio e lecer en contacto co medio natural. A actividade está enmarcada na campaña O teu verán colle nunha mochila, que a Consellería de Política Social pon a disposición da mocidade cun amplo abano de actividades de carácter cultural, ambiental, deportivo, de ocio e tempo libre ou de voluntariado, entre outras.

Durante a visita, Cecilia Vázquez saudou aos rapaces e rapazas que toman parte nesta acción da campaña de verán aos que sinalou a importancia de desenvolver este tipo de estadías na que os participantes gozan dunha programación de ocio educativo e tempo libre, moi importantes para o seu desenvolvemento persoal. De feito, os participantes deste campamento Natureza xunto ao mar están a realizar diferentes actividades como surf, escalada, paddle surf, canoa, biomergullo mariño, bodyboard, orientación, bicicleta, rapel, xeocaptura, tiro con arco e slack-line. En total, 660 mozos e mozas pasarán polas instalacións de Porto do Son no marco deste programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

A Campaña de verán da Xunta de Galicia conta coa participación de 9.572 mozos e mozas, 526 máis que en 2016. As actividades están dirixidas a rapaces e rapazas de entre nove e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade. Na programación estival inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que están a permitir a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.