Os finalistas do certame galego ‘Xuventude crea’ mostran os seus traballos de videocreación e artes plásticas en Tui

25 Out 2011

tuiA exposición de artes plásticas e videocreación, enmarcada no Circuíto de Creatividade 2011 clausurouse hoxe no Espazo Xove de Tui. A iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar, ten como obxectivo dar a coñecer os traballos dos finalistas no Certame Galego de Creadores Novos 2009 e 2010, ‘Xuventude Crea’.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, clausurou hoxe a mostra na localidade pontevedresa e avanzou que o circuíto regresará a Vilagarcía o próximo 29 de outubro coincidindo coa celebración da quinta edición do Encontro Mostra Asociativa Xuvenil (EMAX).

O Circuíto de Creatividade 2011 iniciou a súa andaina en xuño na cidade da Coruña. No mes de xullo, Porto (Portugal) acolleu a mostra que tamén estivo presente en Vilagarcía, Lalín e Betanzos, seguindo no mes de novembro en Ourense.

tui2Os autores que expuxeron os seus traballos foron Beatriz Suárez Saa, Miguel Cuba Taboada, Sheila Pazos Silva, Rodrigo Currás Torres, Julia Aranda Girón, Pablo Rodríguez Barreiro, Juan Silva Cabral, Marta González Suárez, Sofía Grandío Barrio, Daniel Diéguez, Diego Pintos, Sabela Pernas Soto, Cristina Ferreiro Real e Pablo González Muñiz.

Rodeiro destacou que dentro deste circuíto, a Dirección Xeral de Xuventude editou dous libros, onde se recollen as obras premiadas nas especialidades de relato curto e poesía, e un catálogo con reseñas e ilustracións das obras gañadoras no resto de categorías do Certame ‘Xuventude Crea’ 2009 e 2010.

O Circuíto de Creatividade enmárcase no Espazo Transfronteirizo Xuvenil, dirixido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e a FundaÇão da Juventude, dentro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007 - 2013 (POCTEP).

O principal obxectivo do proxecto é promover a cooperación institucional en materia de políticas de xuventude, para que os mozos se queden a vivir e a traballar na zona transfrontei¬riza galego - portuguesa.

Conta coa colaboración de entidades que apoian unha nova liña de actuación de promoción do espírito emprendedor da xuventude galega e portuguesa, co fin de manifestar a súa disposición a participar naquelas actividades de interese para os mozos e a sociedade en xeral, e poñendo a disposi¬ción a mobilización de recursos e coñecemento para o bo desenvolvemento de actuacións relacionadas co seu ámbito de traballo.