Subvencións ao emprego autónomo e a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil

04 Ago 2017

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca subvencións destinadas a incentivar o emprego autónomo e a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

As subvencións destinaranse aos seguintes programas:

Programa I: Promoción do emprego autónomo de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (procedemento TR341J):
A finalidade deste programa é axudar a financiar aqueles proxectos empresariais cunha viabilidade económica e financeira que faciliten a creación do seu propio posto de traballo ás persoas mozas desempregadas que figuren inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.
Subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que se formalicen desde o 1 de outubro de 2016 ata o 30 de setembro de 2017, ambos inclusive.
A contía base da subvención serán 4.000 €.
Esta contía base incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
c) Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.
d) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro de 2017

Programa II:  Incentivos á contratación por conta allea que teñen por finalidade favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, a través dos seguintes procedementos:
a) Incentivos á contratación indefinida inicial das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil (TR349I).
b) Incentivos á contratación temporal das persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil e a súa transformación en contrato indefinido (TR349L).
Entidades beneficiarias: persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia
Prazo:  
As solicitudes de axudas polas contratacións realizadas entre o 1 de outubro de 2016 e a data da publicación desta orde, deberán presentarse antes do 2 de outubro de 2017.
As axudas previstas polas contratacións realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse antes do 30 de setembro de 2017.
Contías dos incentivos
As contratacións indefinidas iniciais incentivaranse cunha axuda de 7.000 euros.
As contratacións temporais:
1. 250 euros por cada mes completo de duración do contrato ata un máximo de 12 mensualidades.
2. Os contratos para a formación e a aprendizaxe incentivaranse cunha axuda de ata 1.200 euros, sempre que a súa duración sexa de doce meses, e a parte proporcional cando no caso de autorización a súa duración sexa inferior, e o tempo efectivo de traballo sexa igual ao 75 % da xornada de traballo.
3. Os contratos en prácticas incentivaranse cunha axuda de 3.600 euros.
4. A transformación de contratos temporais subvencionados ao abeiro desta procedementos incentivarase con 2.500 euros.
Estas contías incrementarase nun 25 % en cada un dos seguintes casos:
1º. Se a persoa incorporada é unha muller.
2º. Se a persoa incorporada ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social.
3º. Se a persoa incorporada pertence a unha unidade familiar en que todos os seus membros están desempregados.
4º. No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

Programa III:  Financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, a través da contratación durante sete meses de persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de proporcionarlles unha experiencia e práctica profesional que facilite a súa inserción laboral. (procedemento TR352C).
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 4 de setembro de 2017.

Todas as solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.gal co código de cada procedemento.

Máis información no DOG do 4 de agosto de 2017 e en http://emprego.ceei.xunta.gal/