100 Bolsas do IGAPE

19 Xul 2017

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) convoca 100 bolsas para a realización de prácticas formativas incardinadas en programas de mellora nas pemes galegas, coa finalidade de formar titulados/as universitarios/as en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico da empresa:
a) Optimización financeira/mellora do circulante.
b) Profesionalización da produción e tecnoloxías relacionadas coa Fábrica do Futuro e o concepto Industria 4.0.
c) Relanzamento comercial.
d) Xestión por procesos.
e) Imaxe e comunicación empresarial.
f) Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial.
g) Desenvolvemento de plans de acción.
h) Identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios.
i) Innovación na empresa.
j) Desenvolvemento do capital humano.
k) Execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.
l) Asesoramento integral ao proceso emprendedor.
m) Dixitalización na empresa.

Requisitos:
Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: Física, Enxeñería, Matemáticas, Química, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Dereito, Bioloxía/Biotecnoloxía e Farmacia.
Non ter desempeñado con anterioridade algún traballo profesional para o cal se requirise a mesma titulación exixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a seis meses, o cal se acreditará mediante informe de vida laboral da Seguridade Social.
Ter nacido despois do 31.12.1983

Contía: A contía das bolsas é de 10.800 euros anuais.
Durante a execución do programa de bolsas, o Igape organizará un curso de formación teórica destinado aos/ás bolseiros/as seleccionados/as.
Este curso terá a consideración de non computable no período da bolsa, será gratuíto e non remunerado e será obrigatorio para participar nas prácticas formativas.

As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento IG401B.
os/as interesados/as deberán cubrir previamente un formulario en http://www.tramita.igape.es.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 14 de setembro de 2017.
Máis información no DOG do 19 de xullo de 2017