A Xunta realizará catro campos de traballo na provincia de Ourense para dinamizar a vida xuvenil

28 Xun 2017

Os campos centraranse no medio ambiente, na etnografía e no mundo audiovisual

Esta iniciativa promove valores como o traballo en equipo, a convivencia e o respecto a axuda a dinamizar a vida xuvenil nos concellos galegos

Galicia acollerá durante a tempada estival 28 campos de traballo, nos que os participantes desenvolverán actividades relacionadas co medio ambiente, a recuperación patrimonial e etnográfica, a arqueoloxía, a restauración e cos ámbitos cultural e social

A Consellería de Política Social subscribiu os convenios que permitirán a organización dos campos de traballo en Riós, Celanova, Ourense e Esgos, ao abeiro da campaña de verán 2017 da Xunta de Galicia. Esta iniciativa é unha ferramenta de educación non formal para a xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, xa que engloba experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade, e ademais axudan a dinamizar a vida xuvenil nos concellos galegos onde teñen lugar.

Nesta liña, destaca o carácter altruísta e solidario das actividades que se desenvolven nestes campos, o que permite aos participantes poñer o seu grao de area á sociedade. Este programa de verán promove valores como o traballo en equipo, a convivencia e o respecto, así como a implicación da xuventude na sociedade ao afondar en materias que son do seu interese e lles abren novos camiños para a súa realización persoal.

Os convenios asinados hoxe permitirán levar a cabo campos de traballo en catro municipios da provincia lucense. Cada un deles ofrece 20 prazas e todos son de ámbito internacional, ofrecendo así a oportunidade aos participantes de estar en contacto con mozos e mozas doutros países.

O campo de traballo de Riós é o primeiro dos catro que se celebre na provincia, entre o 11 e o 21 de xullo, e terá carácter medioambiental. Nel, os voluntarios realizarán traballos de cultivo de soutos, achegaranse ás novas tendencias no aproveitamento dos terreos e coñecerán a cultura do castiñeiro participando en obradoiros sobre tradicións, música e mitoloxía popular. Así mesmo, participarán en dinámicas de grupo, e realizarán rutas de sendeirismo e orientación entre outras actividades.

Celanova acollerá un campo de traballo do 16 ao 30 de xullo centrado no mundo audiovisual. Durante eses 12 días, os participantes acudirán a obradoiros prácticos de formación sobre as distintas disciplinas que se conxugan para poder levar a cabo un audiovisual express. Deste xeito, realizarán tarefas de redacción do guión, produción, rodaxe, montaxe, posprodución e principios da interpretación. Ademais, participarán nalgunhas conferencias do curso de verán sobre o audiovisual da Universidade de Vigo e terán a oportunidade de coñecer o patrimonio arquitectónico e monumental de Celanova.

O medio ambiente e o eido social serán os eixos que vertebren o campo de traballo de Ourense, que terá lugar do 1 ao 11 de agosto. Os voluntarios acondicionarán terreos para uso agroecolóxico, o que está enmarcado nun programa ecosocial para persoas en risco de exclusión social e recibirán formación e asesoramento sobre a comercialización de produtos agrícolas entre outras accións. Os mozos e mozas tamén realizarán actividades complementarias que comprenden unha visita ás termas de cidade, baños no río e xeolocalización na urbe, así como charlas de carácter social coas entidades colaboradoras do proxecto.

O último dos campos de traballo celebrarase do 2 ao 13 de agosto en Esgos. Na modalidade de campo medioambiental e etnográfico, esta iniciativa permitirá aos participantes limpar e acondicionar a ruta do río Grañal, crear unha páxina web e unha ruta virtual sobre a mesma, elaborar un documental onde se amosarán as testemuñas patrimoniais e etnográficas para a posta en valor desta zona e tamén dinamizarán o Mosteiro de San Pedro de Rocas a través da dramatización da súa historia ao longo do tempo. Os asistentes a este campo de traballo tamén poderán realizar tiro con arco, acudir á piscina, participar en carreiras de orientación ou visitar as termas de Outariz entre outras experiencias.

Actividades nas catro provincias galegas
Esta actividade enmárcase na Campaña de Verán 2017 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado baixo a lenda O teu verán colle nunha mochila nas catro provincias galegas. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9572 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado.

Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,9 millóns de euros a esta campaña.

Cómpre destacar que outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores e directores de campamentos.

Estes números consolidan Galicia como a comunidade autónoma que máis prazas en campamentos de verán oferta para a mocidade. Deste xeito, blíndase a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre nos meses de xullo e agosto participando en actividades de educación non formal de moi diversa índole: cultural, medioambiental, deportivo, de voluntariado etc., que lles servirán para divertirse e tamén para o seu enriquecemento persoal e vital.