Uxía López, Correspondente Xuvenil no IES Saturnino Montojo de Ferrol redactou un artigo sobre a reciente visita da Directora Xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez ao centro.
O artigo publicouse na revista Nós, Tamén, do equipo de Dinamización da lingua galega do IES Saturnino Montojo.
VISITA DA DIRECTORA XERAL
O luns, 22 de maio Cecilia Vázquez Suárez, Directora Xeral de Xuventude, e Jesús Antelo García, Director do Centro Coordinador de Información Xuvenil, visitaron o equipo de Correspondentes Xuvenís. Mantiveron unha reunión cos dezasete alumnos e catro profesores que forman o equipo durante a cal expuxemos as liñas de actuación que seguimos no centro para o desenvolvemento do proxecto que se integra no Plan Proxecta, coordinado pola Dirección Xeral de Xuventude e a Consellaría de Cultura e Educación.
O alumnado participante ten un recoñecemento oficial importante para o seu currículo, posto que a Dirección Xeral de Xuventude lles certifica cen horas de voluntariado e ademais os convida a participar en campamentos que combinan formación e diversión e nos que se reúnen todos os correspondentes de Galicia
No noso instituto os correspondentes realizan outros labores de voluntariado que presentamos á Directora Xeral (Pódense ver na seguinte presentación: https://1drv.ms/p/s!AvLhZvl9dEUIgagvJsCSMjIkuHY0KA).
Os correspondentes expuxeron o que implica ser correspondentes para eles: voluntariado, traballo colaborativo e interdisciplianr, implicación nas actividades de Vicedirección, Dinamización Lingüística e Biblioteca, recoñecemento, solialización e realización persoal ... (https://goo.gl/SGThhL )
Uxía López, unha das nosas correspondentes máis activas asina o seguinte artigo que vai seguido pola entrevista que amablemente nos concedeu a Directora Xeral.
"A Directora Xeral de Xuventude e Voluntariado, Dna. Cecilia Vázquez Suárez decidiu vir ao noso instituto para ver de cerca o noso proxecto de Correspondentes Xuvenís, xa que lle interesaban moito as nosas propostas e todas as actividades que estamos a facer durante o curso.
Cando chegou fomos todos os correspondentes e as coordinadoras do programa á biblioteca, onde cada un de nós falou sobre o que significaba ser correspondente segundo o noso punto de vista e segundo a nosa experiencia. Cando todos rematamos, ela felicitounos porque valoraba moi positivamente tanto as nosas propostas como o noso programa. Ademais ela louvou a nosa implicación nas diferentes tarefas de voluntariado que desenvolvemos.
Despois fomos á cafetería onde lle puidemos facer cada un unhas preguntas que xa tiñamos preparadas, e ela entregounos o diploma onde se certifican as 100 horas de voluntariado por parte de cada un de nós.
Eu persoalmente estou encantada co proxecto, xa que me deu moitas oportunidades, e axudoume moito a soltarme cando falo en público, e non só para os meus compañeiros de aula, senón que tamén, no meu caso, ante o teatro Xofre e na radio COPE. Espero seguir neste programa moitos máis cursos porque sen dúbida é unha experiencia inesquecible para todos nós.
Os correspondentes fixéronlle unha entrevista que reproducimos a continuación:
Cal é a importancia do voluntariado no mundo actual?
Paréceme moi importante que a mocidade se implique e se enriqueza ao comprometerse. Ademais a DXXV da Xunta de Galicia certifica oficialmente as horas de voluntariado para poder facer que o seu traballo se tome en conta para bolsas ou para conseguir emprego. Nos últimos anos cambiou moito o sistema de acceder aos traballos e Galicia foi a primeira en convalidar actividades voluntarias para mellorar os currículos e propiciar a inserción no mercado laboral con axudas coma a dos diplomas. Estes certificados fan que os participantes nos programas, como o de Correspondentes, acaden unha distinción persoal que completa o seu currículo.
Por que considera que os mozos teñen que desenvolver actividades con persoas con necesidades especiais?
Porque os mozos sodes máis sensibles con colectivos con necesidades especiais e estades nunha parte da vida onde tedes que comprender as dificultades dalgunha xente e comezar a valorar máis o que vos tedes.
Como chegou ao seu posto de Directora Xeral de Xuventude?
A min propuxéronmo debido a que eu son unha persoa relativamente nova e con experiencia en programas coma Erasmus, en voluntariado, fun presidenta dunha asociación xuvenil… Despois, a través do partido, a Conselleira deume a oportunidade de chegar ao posto de Directora.
Cal é a parte do seu traballo que lle proporciona maior satisfacción ?
Actividades coma a de agora son realmente o que nos satisfai máis. Poder contactar de xeito directo cos mozos e saber que, a pesar dos orzamentos limitados que dificultan a xestión, os programas funcionan con tanta ilusión coma a que vemos é o que máis nos alegra. Felicítovos novamente polo traballo realizado no voso centro.
Cal sería a solución ao problema do avellentamento en Galicia?
Sen dúbida é unha das maiores dificultades ás que nos enfrontamos, para o que fan falla medidas específicas, xa que estamos ante un serio problema demográfico. Temos que ter en conta que non somos a única rexión de Europa que sofre isto e consideramos que debido á gran cantidade de recursos necesarios a solución debería acadarse a través dun pacto a nivel europeo.
Considera relevante a colaboración con ONG, coma a que se fai neste centro?
Considero que ten unha gran importancia ao ser unha actividade de voluntariado e que todo o mundo debería probar. Ademais de axudar aos demais, permite que nos sintamos útiles e apreciados pola oportunidade de axudar á xente.
Cal é a súa opinión respecto á LOMCE?
Penso que é unha lei positiva, aínda que non sei, non son unha experta no tema. Trata de solucionar problemas coma o abandono escolar. Ademais daralle máis valor ás actividades extracurriculares e posiblemente axude a programas coma o de Correspondentes.
É adecuado o investimento en xuventude?
Nunca é suficiente. Trala crise do 2008, que fixo que os orzamentos fosen recortados, as actividades e programas desenvolvidos diminuíron. Agora os orzamentos volven subir e esta tendencia revértese.
A responsabilidade de informar das actividades de quen é, dos profesores ou do alumnado?
Considero que debe recaer tanto nos profesores coma nos alumnos, formando un bo equipo de información, que é importante para o traballo voluntario. Cantas máis persoas colaboren, máis se enriquecerá".
Uxía López Expósito CX-3ºESO