A Xunta reforza a implicación da mocidade e das entidades xuvenís para elaborar o Plan estratéxico de Xuventude 2018-2020

27 Xun 2017

O novo documento dará continuidade ao anterior plan, que estivo en vigor entre os anos 2014 e 2016 e que permitiu o desenvolvemento de 240 medidas cun orzamento de 343 millóns de euros

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, presidiu hoxe a sesión de lanzamento do novo Plan estratéxico de Xuventude para o período 2018-2020. A sala Eisenman da Cidade da Cultura acolleu esta mañá a presentación deste proceso de participación e consulta que ten como finalidade incorporar a voz dos mozos e mozas, así como dos axentes, colectivos e asociacións que os representan na definición dos obxectivos e accións do devandito plan estratéxico.

Na súa intervención, Cecilia Vázquez sostivo que a intención da Xunta é iniciar outro ciclo tras a planificación desenvolvida desde 2014 recollendo nun novo documento as demandas actualizadas e as aspiracións da xuventude. Ao respecto, recordou que no plan anterior “xa contamos coa mocidade, aínda que cremos necesario reforzar e sistematizar as canles de escoita activa e participación para adaptar os programas ou pór en marcha novas iniciativas que dean resposta ás inquietudes e necesidades da xente nova".

O propósito da Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado é que as distintas partes involucradas coñezan que poden achegar ao Plan Estratéxico e a sistemática prevista para a súa elaboración, así como cal será o sentido da súa contribución. O documento final recollerá os obxectivos e as actuacións plurianuais das políticas para a mocidade que se implementarán e executarán de maneira transversal e coordinada entre todas as Consellerías da Xunta de Galicia, tal e como marca a Lei de Xuventude de Galicia.

A responsable do departamento autonómico de Xuventude sostivo que, fronte ás afirmacións sobre o desinterese dos mozos polas políticas activas, “nós vimos constatando todo o contrario a través da súa complicidade e a súa participación nos nosos programas de formación tanto en Galicia como noutros países europeos, de emprendemento, de voluntariado e tamén de tempo libre”. Ademais, subliñou que esta demostrada a escasa eficacia das accións e programas que pretenden incidir na xuventude se contar coa ela nas tomas de decisións previas. Por iso, a Xunta ten sempre en conta nas súas iniciativas as inquedanzas da xente nova e para seguir potenciando este diálogo co sector se reforzarán as canles xa existentes de contacto coa mocidade e avanzarase na creación de novos espazos e relacións.

Á presentación do que será este proceso de participación e reflexión que tivo lugar na xornada de hoxe asistiron membros do Comité Galego de Políticas de Xuventude, concelleiros de xuventude, membros de asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á mocidade, entidades de voluntariado, escolas de tempo libre, informadores xuvenís, persoal dos espazos Xove e residencias xuvenís, así como mozos e mozas interesados en participar.

Cecilia Vázquez falou dunha nova etapa no horizonte 2020 e lembrou que o anterior plan de xuventude 2014-2016 se estruturou en once eixos de acción. Estes foron: educación, emprego, vivenda, creatividade e espírito emprendedor, saúde e deporte, participación e asociacionismo, voluntariado, información e formación, mobilidade e turismo, dinamización lingüística e igualdade. O anterior plan estratéxico supuxo o desenvolvemento de 240 medidas cun orzamento de 343 millóns de euros