A Xunta fomenta a inmersión da mocidade nas novas tecnoloxías e nas artes como formación de futuro

27 Xun 2017

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, estivo hoxe cos participantes no campamento tecnolóxico A Molinera Kids, que a Xunta de Galicia impulsa co Concello de Ourense co obxectivo de apostar por unha nova perspectiva de relacións entre as artes, as novas tecnoloxías, a infancia e a mocidade. Na visita tamén participou o alcalde ourensán, Xesús Vázquez, así como o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar.

Os menores de entre 8 e 15 anos de idade que están inscritos nesta convivencia, que se desenvolve no Centro de Innovación e Coñecemento A Molinera, desenvolven actividades relacionadas con temáticas como a arquitectura 3D, a realidade aumentada e virtual, os drones, robótica, creación de videoxogos e cinema de animación 3D, entre outras. A responsable autonómica e o dirixente local coñeceron durante a visita como os os nenos e nenas levan a cabo proxectos innovadores como o deseño dunha vivenda futurista, robots ou proxectos de hologramas, ou como producen a súa propia música e crean as súas propias curtametraxes en 3D.

Cecilia Vázquez destacou esta iniciativa como “unha fórmula creativa para potenciar o traballo colaborativo entre os máis novos, a súa capacidade de descubrir, pensar e idear e a súa preparación para o futuro, non só persoal senón tamén profesional porque non podemos perder de vista que estas tendencias tecnolóxicas marcarán as novas profesións así como as vindeiras relacións comerciais”.

A Molinera Kids é un proxecto que, ademais do aprendizaxe colaborativo e divertido, quere impulsar entre os nenos e nenas as súas posibilidades creativas e emprendedoras a través do uso de ferramentas de expresión que posibiliten a súa comunicación artística.

Este campamento experimental inclúese entre as apostas de verán nas que colabora a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e que complementan a oferta que activou este ano para os meses de xullo e agosto cun total de 9.572 prazas en campamentos e campos de traballo, o que supón un aumento de 526 con respecto a 2016, con máis de 1.000 postos de traballo para monitores.

“Centramos este ano as actividades na natureza, cultura e deporte, entre outros, coa novidade de contar cun destinado ao emprendemento”, lembrou a directora xeral, que fixo fincapé no interese do seu departamento por apoiar todo tipo de proxectos que acheguen novos enfoques que combinen a formación e o lecer para os máis novos.