A Xunta fomenta o voluntariado a través dos campos de traballo de verán na provincia de Lugo

26 Xun 2017

Esta iniciativa promove valores como o traballo en equipo, a convivencia e o respecto a axuda a dinamizar a vida xuvenil nos concellos galegos

Galicia acollerá durante a tempada estival 28 campos de traballo, nos que os participantes desenvolverán actividades relacionadas co medioambiente, a recuperación patrimonial e etnográfica, a arqueoloxía, a restauración e cos ámbitos cultural e social

A Consellería de Política Social subscribiu os convenios que permitirán a organización dos campos de traballo en Xermade, Folgoso do Courel, Pantón e Quiroga, ao abeiro da campaña de verán 2017 da Xunta de Galicia. Esta iniciativa é unha ferramenta de educación non formal para a xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, xa que engloba experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade, e ademais axudan a dinamizar a vida xuvenil nos concellos galegos onde teñen lugar.

Nesta liña, destaca o carácter altruísta e solidario das actividades que se desenvolven nestes campos, o que permite aos participantes poñer o seu grao de area á sociedade. Este programa de verán promove valores como o traballo en equipo, a convivencia e o respecto, así como a implicación da xuventude na sociedade ao afondar en materias que son do seu interese e lles abren novos camiños para a súa realización persoal.

Os convenios asinados hoxe permitirán levar a cabo campos de traballo en catro municipios da provincia lucense. Todos eles son de ámbito internacional, ofrecendo así a oportunidade aos participantes de estar en contacto con mozos e mozas doutros países.

O campo de traballo de Xermade terá carácter arqueolóxico e centrarase na protección, recuperación do patrimonio inmaterial e conservación do ben etnográfico A Neveira. Desenvolverase do 4 ao 15 de xullo e os 20 mozos e mozas que participen realizarán tarefas de reconstrución de parte dos elementos dos muros descubertos e documentarán baixo metodoloxía antropolóxica a estrutura e a súa relación co Camiño Real da Carba. Así mesmo, farán unha recollida da toponimia da contorna, difundirán a cultura galega a través do traballo realizado e sensibilizarán e formarán á poboación local e foránea para garantir a valoración do patrimonio natural e cultural. Os participantes tamén realizarán outras actividades complementarias como rutas de sendeirismo, excursións e actividades deportivas.

En Quiroga terá lugar un campo de traballo medioambiental e de dinamización entre do 1 ao 12 de xullo. Tamén para 20 persoas, as actividades que se realizarán terán que ver coa limpeza e acondicionamento da Rota da Encomenda. Así mesmo, crearán unha páxina web e unha ruta virtual onde se amosará a cartografía, planimetría e perfil da ruta Por outra banda, porán en valor a Ponte do Rego do Castelo e dinamizarán o xeoparque coa creación de xornadas divulgativas no propio concello e nas localidades limítrofes.

No concello de Folgoso do Courel desenvolverase un campo de traballo medioambiental e arqueolóxico tamén para 20 rapaces e rapazas. As actividades que desenvolverán consistirán na conservación e na mellora dos contornos onde se sitúa o campo, ademais de colaborar en intervencións arqueolóxicas nos castros e xacementos de importante valor patrimonial e turístico existentes na zona. Tamén limparán o Castro de Vilar dado que se trata dun castro emblemático situado nunha de sendeirismo moi concorrida. Este campo terá lugar entre o 14 e o 26 de xullo.

Pantón acollerá do 1 ao 15 de agosto un campo de traballo cultural para 20 persoas que se encargarán da limpeza e acondicionamento exterior da Rota do Románico a través da intervención dos seus monumentos e da posta en valor da mesma coa participación na organización das XXIX Xornadas da Rota. Así mesmo, os participantes acondicionarán diferentes espazos urbanos a través de murais ou graffitis e realizarán diversas actividades como kaiak, tiro con arco ou xeolocalización entre outras.

Actividades nas catro provincias galegas
Este verán, os mozos e mozas galegos poderán escoller entre participar nos 28 campos de traballo que se organizan nas catro provincias galegas ou ben elixir entre as prazas que se ofertan en campos no estranxeiro e noutras Comunidades Autónomas.

Esta actividade enmárcase na Campaña de Verán 2017 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado baixo a lenda “O teu verán colle nunha mochila”. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.572 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado.

Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,9 millóns de euros a esta campaña.

Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.

Estes números consolidan a Galicia como a Comunidade Autónoma que máis prazas en campamentos de verán oferta para a mocidade. Deste xeito, blíndase a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre nos meses de xullo e agosto participando en actividades de educación non formal de moi diversa índole: cultural, medioambiental, deportivo, de voluntariado, etc., que lles servirán para divertirse e tamén para o seu enriquecemento persoal e vital.