A Xunta pilota un programa europeo para mellorar a empregabilidade e fomentar o emprendemento xuvenil

22 Xun 2017

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado impulsa este proxecto no que tamén participan como socios as seguintes entidades galegas e portuguesas: a Fundación Galicia Europa, a Cámara de Comercio de Santiago, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia, o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude, a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas e a Comunidade Intermunicipal do Ave

A Unión Europea, a través de fondos para o desenvolvemento rexional, financia o 75% do investimento total nesta iniciativa, que ascende a algo máis de 1,4 millóns de euros e cuxo prazo de execución remata en 2019

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, participou hoxe na presentación do proxecto de cooperación internacional Lidera, impulsado pola Xunta con outras entidades galegas e de Portugal co obxectivo de poñer en valor as capacidades laborais e de emprendemento da xente nova que reside na Comunidade Autónoma e na rexión norte do país veciño. A Unión Europea, a través de fondos para o desenvolvemento rexional, achega o 75% do orzamento desta actuación ao abeiro do programa Interreg V España-Portugal 2014-2020, sendo o investimento total de 1.428.692,93 euros.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado actúa como actor principal desta proposta na que ten como socios galegos a Fundación Galicia Europa; a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela e a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega). Así mesmo, por parte de Portugal, as institucións que participan son o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude, a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesa e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

Cecilia Vázquez explicou en rolda de prensa que o eixo fundamental do Lidera “está dirixido a mellorar as condicións necesarias e propias para a aparición de novas iniciativas empresariais tanto en Galicia como na zona norte de Portugal, sendo a mocidade a principal destinataria das accións que se organicen no marco desta intervención”. Nesta liña, destacou que esta proposta “supón unha aposta conxunta por parte das entidades que colaboran no seu desenvolvemento para facer fronte a un reto compartido por todos como é o desemprego xuvenil, ante o que se fai necesaria unha cooperación que permita reter aos mozos e mozas na zona e que estes sexan motor do impulso económico da mesma”.

No que atinxe aos obxectivos específicos do programa, a responsable do departamento autonómico de Xuventude sinalou que estes pasan por facilitar a adaptación e colocación de xente nova que non estea no mercado laboral a través da realización de actividades relacionadas coa busca activa de emprego, o empoderamento, a mellora da empregabilidade e a posta en valor das súas inquedanzas persoais.

Ademais, outra das finalidades do Lidera é facilitar á mocidade máis oportunidades de emprego e de formación mediante o desenvolvemento dunha rede de apoio á empregabilidade que permita a inserción laboral por conta allea; así como tamén promover, asesorar e facer un seguimento de novas iniciativas empresariais que se poñan en marcha no territorio obxecto do programa.

Crece, Cataliza, Emprende
Este proxecto de cooperación entre Galicia e o norte de Portugal ten de prazo de execución ata o ano 2019 e levarase a cabo en tres fases principais denominadas Crece, Cataliza e Emprende. En cada unha delas se levarán a cabo toda unha serie de actuacións encamiñadas a apoiar a empregabilidade da poboación xuvenil, entre outras: encontros sectoriais, accións de mobilidade entre os territorios implicados na iniciativa, cursos on line masivos e abertos e cursos de especialización en axentes de cooperación transfronteiriza, sesións de coaching individual, titorías individualizadas e encontros anuais de xuventude emprendedora.

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pon a disposición do Lidera os Espazos Xoves de Curtis, Noia, Pontedeume, Betanzos, Carballo, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Vilagarcía de Arousa e Ourense, ademais das Oficinas transfronteirizas de Información Xuvenil Galicia-Norte de Portugal de Verín e Tui. Estes equipamentos, xunto cos centros de atención que o Instituto do Deporte e da Xuventude de Portugal e a Federación Portuguesa de Asociacións Xuvenís teñen en Minho-Limam Cávado, Ave, Grande Porto, Tâmega e Alto Trás os Montes constituirán unha rede de apoio á empregabilidade da mocidade que participe neste proxecto.