A Xunta implica á xuventude na conservación do medio ambiente a través do seu proxecto gañador do Movic’17

19 Xun 2017

Os participantes profundizan sobre as oportunidades sociais e económicas que se xeran arredor das reservas da biosfera e dos espazos naturais protexidos e participan en actividades de voluntariado ambiental e de lecer educativo

A Xunta de Galicia reúne a 23 mozos e mozas de distintas comunidades durante esta fin de semana na que coñecerán os espazos e a biodiversidade da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo co proxecto Implicando á xuventude na conservación do medio ambiente e o desenvolvemento sostible. Esta iniciativa, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, foi a gañadora, xunto cun proxecto de Cantabria, da convocatoria do Movic’17 convocado pola Red Española de Albergues Juveniles (REAJ).
Os participantes, con idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos, disfrutan desde o 16 ao 18 deste mes no Albergue Xuvenil de Gandarío de diversas actividades de investigación e aprendizaxe sobre o medio natural e os seus valores. Ademais, profundizan sobre as oportunidades sociais e económicas que se xeran arredor das reservas da biosfera e dos espazos naturais protexidos e participan en actividades de voluntariado ambiental e de lecer educativo.
Cecilia Vázquez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, visitou hoxe aos mozos e mozas, aos que lembrou a importancia do seu compromiso coa educación ambiental e o patrimonio natural. “Esta fin de semana estades nun espazo moi especial, declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO, que poderedes gozar con todas as actividades programadas pero que tamén vos servirá para concienciaros sobre como podemos contribuir cada un de nós ao coidado medioambiental a través de comportamentos ecolóxicos responsables e modelos de conduta sostibles”, sostivo.
Do intenso programa preparado, destacan as prácticas de investigación na praia de Gandarío, a realización dun taller de observación de estrelas e varias visitas como un itinerario marítimo-fluvial pola ría de Betanzos e Mandeo e unha saída á Costa de Dexo, declarado Monumento Natural.
Os obxectivos do programa MOVIC son manter e crear vínculos entre a mocidade de distintas comunidades autónomas a través da posta en marcha de actividades nos albergues xuvenís, así como promocionar e difundir o movemento alberguista e as potencialidades dos establecementos xuvenís que conforman a Rede.