“A Xuventude no mundo” edición 2017: intercambios xuvenís a Alemaña e Xapón

14 Xun 2017

No marco do programa “A Xuventude no mundo”, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social convoca dous intercambios xuvenís: á  Prefectura de Wakayama (Xapón) e ao Distrito de Reinickendorf-Berlín (Alemaña), ao abeiro das relacións bilaterais que a Xunta de Galicia mantén con distintas entidades noutros países.

Obxectivos: facilitar o coñecemento doutras realidades sociocultural e lingüísticas para a comprensión da diversidade cultural e  favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais que faciliten o desenvolvemento persoal.

Prazo de inscrición: do 14 ao 21 de xuño de 2017.

Inscrición: mediante envío de formulario electrónico dentro do prazo establecido. Só se admitirá unha solicitude por participante.
Os erros nos datos facilitados na solicitude de participación ou a omisión dalgún deles pode ocasionar a desestimación da solicitude.
Admítese a inscrición nos dous intercambios, tendo en conta os requisitos de participación en cada un deles. No caso de inscrición dobre, o/a solicitante deberá indicar a orde de preferencia de participación.
Admisión: será por rigoroso orde de inscrición, ata cubrir a totalidade de prazas convocadas para o intercambio. Os/as solicitantes seleccionados/as recibirán un correo electrónico de confirmación da praza. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, de non recibir comunicación nos tres  días seguintes, entenderase que non obtivo praza para o intercambio.
No caso de que unha persoa solicite participar nos dous intercambios, a admisión nun intercambio exclúe a admisión no outro, salvo que non se cubran as prazas deste último.
Confirmada a praza nos 5 días (naturais) seguintes os/as seleccionadas deberán remitir a galeuropa@xunta.es:
- unha copia do billete de transporte adquirido para desprazarse ata a cidade do país do intercambio. Non é documento válido a reserva de voo.
- unha copia do seguro de viaxe, de accidentes e  de enfermidade (ou copia da Tarxeta Sanitaria Europea no caso do intercambio a Alemaña).
A non remisión destes documentos no prazo establecido supón a perda da praza no intercambio.
De darse baixas despois de ter sido adxudicadas as prazas, ofertaránselle  aos seguintes da lista de espera, tendo que presentar estes o billete e a documentación nos 3 días (naturais) seguintes da comunicación.
De ser o caso de que o billete de transporte adquirido fose anulado posteriormente a súa remisión á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a praza para o intercambio será anulada e considerada non adxudicada.
Recibidos correctamente as copias dos documentos requiridos, posteriormente aos seleccionados seralles facilitado o nome do coordinador que acompañará ao grupo, así como o lugar de encontro no lugar de celebración do intercambio.
Realizaranse o intercambio se existe un mínimo da metade das prazas convocadas para cada intercambio.

INTERCAMBIO XUVENIL A ALEMAÑA
Datas de realización do intercambio: do 13 ao 22 de agosto de 2017. O 13 de agosto todos os mozos e mozas participantes deben estar no Distrito de Reinickendorf-Berlín.
Os/as mozos/as participantes deberán participar no intercambio a totalidade dos días, é dicir, ata o 22 de agosto.
Prazas: 6 (acompañados/as dun/ha coordinador/a).
Destinatarios: mozos e mozas galegos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 25 anos de idade no momento de celebrarse o intercambio e que non participaran nos últimos tres anos (2014-2016) no programa A Xuventude no mundo.
Cobertura do intercambio:
- Aloxamento  en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.
- Trasporte no ámbito do intercambio.
- Actividades organizadas pola entidade de acollida.
 Será a cargo do/a participante:
- Os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio.
- Os gastos do seguro de viaxe, de accidente e  de enfermidade ou Tarxeta Sanitaria Europea.

Actividades: entre outras, visita a Alexanderplatz, Bundestag, Postdamer Platzes, Illa dos Museos, teatro Friedrich Stadt Palast,  Dresden, Leipzig, Wiemar, Potsdam, Palacio Cecilienhof, Neuen Kammern, Rathaus Reinickendorf, Mittagessen, Kahnfahrt (Spreewald), varios workshops e encontros con mozos e mozas alemáns e finalmente, unha cena intercultural.
Recomendación de aeroportos máis pretos para chegar ao lugar de destino do país de realización do intercambio:
Aeroporto de Berlín-Tegel (TXL)
Aeroporto de Berlín-Schönefeld (SXF)
Aeroporto de Berlín-Tempelhof (THF)

INTERCAMBIO XUVENIL A XAPÓN
Datas de realización do intercambio: do 29 de agosto ao 5 de setembro de 2017. O 29 de agosto todos os mozos e mozas participantes deberán estar en Wakayama.
Os/as mozos/as participantes deberán participar no intercambio a totalidade dos días, é dicir, ata o 5 de setembro.
Prazas: 14 (acompañados/as dun/ha coordinado/a).
Destinatarios: mozos e mozas galegos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade no momento de celebrarse o intercambio e que non participaran nos últimos tres anos (2014-2016) no programa A Xuventude no mundo.
Cobertura do intercambio:
- Aloxamento  en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple.
- Trasporte no ámbito do intercambio.
- Actividades organizadas pola entidade de acollida.
- 3 días de estancia con familias xaponesas.
 Será a cargo do/a participante:
- Os gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento do intercambio.
- Os gastos do seguro de viaxe, de accidente e  de enfermidade.

Actividades: entre outras, visita á cascada Nachi Taisha e ao Mosteiro de Koyasan intercambio con estudantes no centro educativo Shigu, percorrido dun tramo do Camiño Kumano Kodo, intercambio e experiencia de karate nun instituto kumano e convivencia con familias japonesas.
Estancias con familias xaponesas: Os/as participantes neste intercambio adquiren o compromiso de acoller no seu domicilio particular en Galicia durante 3 días a 2 mozos ou mozas xaponeses/as, cando se realice o intercambio de acollida en Galicia durante o 2018.
Reunión previa á saída: Os /as mozos/as seleccionados/as serán convocados a unha reunión preparatoria do intercambio previo ao inicio do intercambio, no día e lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A asistencia será obrigatoria, agás causa de forza maior debidamente xustificada. A data de celebración desta reunión será comunicada por correo electrónico con antelación suficiente.
Recomendación de aeroporto máis preto para chegar ao lugar de destino do país de realización do intercambio:
Wakayama (Xapón): Aeroporto de Kansai.

Máis información: galeuropa@xunta.gal. Teléfonos 981 544 645 /981 544 869


FORMULARIO DE INSCRICIÓN