Lanzamento do proceso de elaboración do Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2018-2020

19 Xun 2017

Unha vez rematada a vixencia do Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016, Xuventude 2016, é necesario consolidar os logros obtidos e dar paso a un novo ciclo, comezando os traballos para a elaboración dun novo instrumento de planificación que, tal e como sinala o artigo 4 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establecerá o marco de actuación plurianual nas políticas de xuventude, fixando os obxectivos estratéxicos que deben cumprirse durante a súa vixencia.


O novo plan “será o principal instrumento para alcanzar a transversalidade en materia de xuventude co resto de consellerías da Xunta de Galicia, así como a coordinación coas diferentes administracións públicas que incidan no seu ámbito de aplicación” (Artigo 4 da Lei 6/2012, de 19 de xuño, de xuventude de Galicia).


A Consellería de Política Social pon en marcha este proceso co obxectivo de ir máis aló do esforzo de recoller nun documento todas as accións que dende a Xunta de Galicia se están a impulsar en materia de xuventude, tratando de alcanzar os ambiciosos obxectivos que a Lei de xuventude fixa para o Plan estratéxico no seu artigo 5. E para conseguilo pensamos que é fundamental a incorporación a todo este proceso das distintas instancias e persoas afectadas, implicándoas dende xa no deseño, posta en marcha e avaliación das actuacións dirixidas á xuventude galega.


Con este fin, e para propiciar que se dean as mellores condicións para que o proceso de reflexión estratéxica sexa efectivo, a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado invita a todos os mozos e mozas galegos, asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude, entidades de acción voluntaria, escolas de tempo libre, informadores e técnicos xuvenís, alcaldes e/ ou concelleiros de xuventude, e calquera axente que se sinta implicado na elaboración do novo Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia, a asistir á xornada de lanzamento e presentación que terá lugar o vindeiro día 26 de xuño na Sala Eismann da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, co seguinte programa e obxectivos:

 

OBXECTIVOS 

 

  1. Afondar no coñecemento e recoñecemento do Plan estratéxico de Xuventude de Galicia como instrumento de diagnose da situación da mocidade galega e de coordinación e transversalidade na posta en marcha das políticas públicas en materia de xuventude.
  2. Visibilizar na sociedade galega que se inicia un proceso de deseño de políticas públicas de xuventude aberto á participación de todas as instancias involucradas.
  3. Trasladar a sistemática prevista para o proceso de elaboración do novo plan, co fin de que cada quen saiba cando e como pode participar e cal é o sentido da súa contribución.
  4. Recoller as consideracións que as persoas participantes trasladen sobre a sistemática a seguir e incorporar as súas suxestións.
  5. Desenvolver accións que contribúan á construción dun diagnóstico da xuventude de Galicia.

 

PROGRAMA

 

 10.00 a 10.20. Acollida e saúdo inicial por parte da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Cecilia Vázquez Suárez.

10.20 a 11.30. Conversa con Txema Ezkerra. Presentación e diálogo. Políticas de xuventude, planificar para avanzar.

11.30 a 11.50. Café

11.50 a 12.30. Presentación da proposta de traballo para a elaboración do plan.

12.30 a 13.30. Dinámica de traballo colaborativo. Onde están e en que están as persoas novas?

13.30 a 14.00. Peche e despedida.

 

Se estás interesada/o en inscribirte, pódelo facer enviando un correo electrónico ao enderezo institutoxuventude.ctb@xunta.gal e indicando os teus datos persois, de contacto e se traballas nalgunha entidade relacionada co ámbito da xuventude.