A Xunta impulsa a dinamización xuvenil coa organización de campos de traballo de verán en municipios coruñeses

12 Xun 2017

O titular do departamento autonómico de Política Social destacou que esta iniciativa “promove valores como o traballo en equipo, a convivencia e o respecto, así como a implicación da xuventude na sociedade ao afondar en materias do seu interese e abrirlles novos camiños para a súa realización persoal”

Galicia acollerá durante a tempada estival 28 campos de traballo, nos que os participantes desenvolverán actividades relacionadas co medioambiente, a recuperación patrimonial e etnográfica, a arqueoloxía, a restauración e cos ámbitos cultural e social

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asinou na mañá de hoxe os convenios que permitirán a organización dos campos de traballo na provincia da Coruña ao abeiro da campaña de verán 2017 da Xunta de Galicia. Este acto de sinatura tivo lugar nas dependencias da delegación territorial e no mesmo participaron os concellos de Laracha, Betanzos, Boqueixón, Coirós, Curtis, Outes, Ribeira, Rois e Vedra, así como a Fundación Eduardo Pondal.

Rey Varela indicou que esta iniciativa supón “unha excelente ferramenta de educación non formal para a xente nova con idades comprendidas entre os 18 e os 30, xa que engloba experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”, e que ademais “axudan a dinamizar a vida xuvenil nos concellos galegos onde teñen lugar”, engadiu. Nesta liña, destacou o carácter voluntario, altruísta e solidario das actividades que se desenvolven nestes campos, o que permite aos participantes “poñer o seu grao de area para mellorar a nosa sociedade”. Tamén subliñou deste programa de verán que “promove valores como o traballo en equipo, a convivencia e o respecto, así como a implicación da xuventude na sociedade ao afondar en materias que do seu interese e abrirlles novos camiños para a súa realización persoal”.

Os convenios asinados hoxe permitirán levar a cabo campos de traballo nunha decena de municipios da provincia coruñesa. Todos eles son de ámbito internacional, ofrecendo así a oportunidade aos participantes de estar en contacto con mozos e mozas doutros países. Ademais, a temática á que están dedicados é moi variada.

O campo de traballo de Ponteceso desenvolverase fundamentalmente no núcleo da localidade e na praia de Valarés, así como no propio contorno natural de dita praia no que terá lugar o 19 de agosto o festival xuvenil V de Valarés. Os 20 mozos e mozas que participen realizarán diferentes traballos ambientais: acondicionamento do lugar coa limpeza de maleza e de restrollos, así como coa sinalización e identificación de todo tipo de patrimonio da zona. Tamén axudaran na montaxe do festival con outros voluntarios.

Temática variada

En Rois, participantes neste campo (tamén de 20 prazas) acometerán unha intervención arqueolóxica no Castro de Socastro, que consistirá principalmente na limpeza de xacemento e contorna, prácticas de prospección, rexistro, siglado e debuxo arqueolóxico.

O campo de traballo que terá lugar en Curtis, para 18 rapaces e rapazas, estará centrado no estudo da biodiversidade dos principais ríos do concello. Durante o mesmo, estes levarán a cabo labores de localización de vertedoiros incontrolados e de especies invasoras, analizarán o estado das augas en distintos puntos dos ríos para detectar posibles contaminacións e identificar a orixe destas, e elaborarán unha guía da flora e fauna así como das especies tanto autóctonas como invasoras, explicando nestas últimas as posibles solucións para erradicalas ou evitar o seu avance. As actividades de análise e estudo das augas e das especies recollidas farase no Centro Etnográfico do Mandeo.

En Outes desenvolverase o campo de traballo denominado Horta do Muíño, de 20 prazas. Os inscritos no mesmo encargaranse da limpeza e acondicionamento exterior da Ruta do Añón, procedendo á súa sinalización, retirada de vexetación e dinamización do percorrido. Tamén traballarán na visualización da ruta natural coas novas tecnoloxías, desenvolverán un programa de voluntariado interxeracional consistente en actuacións concretas con persoas maiores (paseos, visitas, etc.), e crearán o programa “Hortas xeracionais” onde os voluntarios e voluntarias farán intervencións nos invernadoiros e xardíns municipais xunto con persoas maiores xa xubiladas, así como coa mocidade da zona.

No concello de Ribeira, a actividade terá lugar na Illa de Sálvora. Un grupo de 15 mozos e mozas dedicaranse ao control e retirada de especies alóctonas, ao arranxo e mantemento de muros e estruturas, a labores de vixianza do marco natural, ao control e acompañamento de visitantes e a facer un seguimento da fauna. Neste campo tamén se promoverá a gastronomía ambiental: os participantes elaborarán os seus propios menús, achegándose a unha cociña tradicional e económica.

O campo de traballo que se desenvolverá en Coirós oferta 15 prazas. A súa localización concreta será o Monte da Espenuca, onde os mozos e mozas empregaranse na limpeza de maleza e eliminación de especies alóctonas, como acacias e eucaliptos, así como no coidado de especies propias presentes na zona, como castiñeiros ou carballos. Así mesmo, acondicionarán camiños, sendeiros e estruturas como muros; e eliminarán a maleza existente nas proximidades dunha estrutura arqueolóxica como paso previo para unha futura escavación.

O Pico Sacro será a zona de actuación do campo de traballo que terá lugar en Boqueixón e no que se convivirán 25 mozos e mozas. O programa de actividades contempla unha investigación de campo sobre o trazado do Camiño Xacobeo entre Miñoto e Ribeiro ao seu paso por este municipio. Ademais, os participantes elaborarán carteis en madeira para a sinalización deste tramo e accións de difusión do mesmo consistentes nun mapa-folleto informativo en varios idiomas e a organización de actividades dirixidas á veciñanza. Tamén percorrerán o Camiño dende o albergue de Vedra, en San Pedro de Vilanova, ata o seu remate no concello de Boqueixón e continuarán o itinerario ata o Pico Sacro. Outras actividades deste campo de traballo son a posta en marcha dun proceso de participación para establecer un plan de dinamización do Camiño ao seu paso por esta localidade e medidas de posta en valor do Pico Sacro no Camiño. Así mesmo, elaborarán unha enquisa para coñecer a percepción dos peregrinos do camiño en torno ao Pico Sacro, visitarán distintos recursos patrimoniais do concello, promoverán a dinamización do colectivo xuvenil ao redor do Pico Sacro e outros elementos patrimoniais con actividades específicas e realizarán vídeos de promoción en galego, castelán e inglés vinculados aos recursos patrimoniais que visiten.

En Betanzos, organizase o campo de traballo do Parque do Pasatempo. Un grupo de 20 raparigos e raparigas ocuparanse en frear o proceso de deterioro que esta a sufrir este parque na actualidade, recuperar o seu trazado orixina e introducir plantacións segundo criterios de sustentabilidade. Especificamente, procederase á limpeza, reparación e plantación do invernadoiro da primeira terraza e á reformulación das plantacións e das instalacións do xardín.

O campo de traballo de Laracha,con 15 prazas, céntrase na temática medioambiental. Os traballos que se van realizar son os de apertura de novos sendeiros e trazados, a limpeza de maleza e restrollos, recollida de lixo, mellora e mantemento da sinalización existente así como sinalización de novos camiños, identificación da flora e da fauna, exploración das posibilidades deportivas que ofrece o territorio rural e da posibilidade de subir a wikiloc os novos sendeiros.

Por último, o campo de traballo de Vedra contará con 25 participantes e consistirá nunha investigación de campo sobre o trazado do Camiño Xacobeo ao seu paso polo concello de Vedra, a elaboración de carteis en madeira para a súa sinalización e dun mapa-folleto informativo en varios idiomas. Tamén terán lugar intervencións de carácter sociocultural con nenos e nenas e con persoas maiores da zona.

Cómpre indicar que ademais da programación concreta, cada un destes campos conta con actividades complementarias. Entre outras: excursións (Costa da Morte, Santiago de Compostela, Parque Natural Fragas do Eume, etc.), visitas culturais (Torre de Hércules, Museo das Mariñas, Pazo de Mariñán, Casas Museo de Rosalía de Castro, Fundación Camilo José Cela, etc.), sendeirismo, práctica de deportes de aventura e contacto coa natureza (piragüismo, kaiac, snorkel, outdoor training, paddle board, etc.), un amplo abano de obradoiros (cociña internacional, relaxación e masaxe, instrumentos musicais, pintura, elaboración de queixo, etc.) ou veladas de xogo e animación.

Actividades nas catro provincias galegas

Este verán, os mozos e mozas galegos poderán escoller entre participar nos 28 campos de traballo que se organizan nas catro provincias galegas ou ben elixir entre as prazas que se ofertan en campos no estranxeiro e noutras Comunidades Autónomas.

Esta actividade enmárcase dentro da Campaña de Verán 2017 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado baixo a lenda “O teu verán colle nunha mochila”. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.572 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado.

Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,9 millóns de euros a esta campaña.

Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.

Estes números consolidan a Galicia como a Comunidade Autónoma que máis prazas en campamentos de verán oferta para a mocidade. Deste xeito, “estamos a blindar a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre nos meses de xullo e agosto participando en actividades de educación non formal de moi diversa índole: cultural, medioambiental, deportivo, de voluntariado, etc., que lles servirán para divertirse e tamén para o seu enriquecemento persoal e vital”, concluíu Rey Varela.

 
Imaxes relacionadas