A Xunta conmemorará os 30 anos de vida do programa Erasmus a través dunha xornada de intercambio de experiencias

09 Xun 2017

Terá lugar o 28 de xuño en Curtis e nela darase a coñecer as posibilidades de formación no estranxeiro que ofrece esta iniciativa aos mozos e mozas que están no tránsito do mundo académico ao laboral

O encontro está destinado a técnicos de xuventude e de emprego, representantes e membros de asociacións xuvenís, a rapaces e rapazas non asociados, informadores xuvenís e calquera persoa interesada

As persoas que queiran participar poden inscribirse desde hoxe a través da páxina web de Xuventude

Galicia é unha das comunidades autónomas máis activas dentro do Erasmus+, tanto polo número de proxectos presentados e aprobados como polos fondos recibidos pola Unión Europea, que o ano pasado ascenderon a 729.914 euros

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado en colaboración coa Axencia Nacional do programa Erasmus+: Xuventude en acción, organizará o día 28 de xuño no concello de Curtis (A Coruña) unha xornada de intercambio de experiencias desenvoltas nos 30 anos de vida desta iniciativa vinculadas á mocidade, o emprego e a empresa. A última edición deste programa europeo de educación non formal no que participa Galicia está en vigor desde 2014 e finalizará no 2020.

Baixo o lema 30 aniversario Erasmus+: empregabilidade e vulnerabilidade xuvenil, búscase dar a coñecer as posibilidades de formación no estranxeiro que ofrece este programa aos mozos e mozas que están no tránsito do mundo académico ao laboral. Entre os beneficios, destacan a mellora do seu nivel de competencias e aptitudes, o coñecemento doutras linguas e culturas e o incremento do seu nivel de independencia e responsabilidade. Ademais, poden ampliar a súa visión sobre cooperación, innovación e os distintos mercados de traballo.

A consecución destes obxectivos son os que se amosarán durante a xornada, que se desenvolverá no Centro Etnográfico do río Mandeo e que incluirá un taller sobre a empregabilidade e vulnerabilidade xuvenil, un panel de experiencias e visitas aos proxectos empresariais da zona. A xornada está destinada a técnicos de xuventude e de emprego, representantes e membros de asociacións xuvenís, mozos e mozas non asociados, informadores xuvenís e calquera persoa interesada, que deberán inscribirse previamente a través dun formulario dispoñible a partir de hoxe na web de Xuventude.

Cómpre destacar que Galicia é unha das comunidades autónomas máis activas dentro do Erasmus+, tanto polo número de proxectos presentados e aprobados como polos fondos recibidos pola Unión Europea, que o ano pasado ascenderon a 729.914 euros, o que supuxo o 6,84% do orzamento do programa investido en todo o estado, pese a que a poboación xuvenil de Galicia só representa un 5,3% do total español. Este investimento permitiu a 1410 rapaces e rapazas beneficiarse deste programa a través dos 42 proxectos aprobados no 2016. Na primeira quenda deste ano, xa se avanzaron 21 proxectos cun orzamento de 340.351 euros.