A Xunta avogará pola creación de asociacións xuvenís e potenciará as subvencións das súas actividades

12 Nov 2009
Os orzamentos de 2010 da Xunta reservan un incremento do 50% na partida destinada a sufragar as accións organizadas polos colectivos impulsados polos mozos e mozas de Galicia. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, apelou hoxe á necesidade de que "as administracións non exerzan tutelas innecesarias que coarten a creatividade propia das accións xuvenís" nun encontro que mantivo cos estudantes da residencia xuvenil de Altamar de Vigo

A Consellería de Traballo e Benestar apostará por potenciar a creación de asociacións xuvenís e a subvención das súas actividades. Así o confirmou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, nunha mesa debate que compartiu cos estudantes da residencia xuvenil de Altamar, en Vigo.

Neste sentido, Rodeiro afirmou que os orzamentos de 2010 da Xunta de Galicia reservan un incremento do 50% na partida destinada a sufragar actividades organizadas polas asociacións xuvenís, sempre e cando os actores principais sexan os propios mozos e mozas.

A este respecto, o responsable autonómico de Xuventude e Voluntariado apelou á necesidade de que "as administracións non exerzan tutelas innecesarias que coarten a creatividade propia das accións xuvenís".

Ovidio Rodeiro estivo acompañado no acto pola directora da residencia, Teresa Prat, e a responsable da Oficina Transfronteiriza de Información Xuvenil de Tui. Esta última explicou o funcionamento das instalacións aos estudantes e repartiu folletos do programa de Formación na Xestión de Empresas e Ideas Empresariais.

No acto participaron os estudantes da residencia xuvenil de Altamar, unhas instalacións que dispón de 94 prazas e xestiona a Consellería de Traballo e Benestar.