Axudas económicas para a formación práctica en empresas

18 Mai 2017

A Consellería de Educación convoca axudas económicas para a realización da formación práctica en centros de traballo (FCT), nas seguintes modalidades:

Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio e grao superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos e que realice a FCT dentro do territorio español.
Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, de artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e que realice a FCT fóra do territorio español co fin de mellorar as competencias lingüísticas e profesionais.

Requisitos
Alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e, no caso dos centros privados, o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao profesional básico, grao medio ou grao superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas formativos.
O alumnado que concorra a esta convocatoria de axudas deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2017.

Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
1. O primeiro prazo, ata o 19 de xuño, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro 2016-marzo 2017 e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2017.
Todo o alumnado deste prazo deberá rematar o período da FCT antes do 31 de agosto de 2017.

2. O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2017, para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2017. Este alumnado deberá rematar obrigatoriamente o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2017.

Contía da axuda.
Na comunidade autónoma:
Ata un máximo de 186 € cando se cumpran as seguintes condicións:
Que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello do centro educativo.
Que o concello do centro de traballo non sexa o mesmo que o concello de residencia do/a alumno/a durante o período de realización da FCT.
Fóra da comunidade autónoma.
Percibirán unha cantidade fixa de 200 €.
Fóra do territorio español:
Unión Europea:
Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Malta, Romanía: 100 € contía base e 60 € por semana
Alemaña, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovenia, Grecia, Holanda, Luxemburgo, Portugal, República Checa: 150 € contía base e 100 € por semana
Austria, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Reino Unido, Suecia: 200 € contía base e 125 € por semana
Non integrados na Unión Europea:
Europeos: 150 € e 100 € por semana
Doutros continentes: 200 € e 125 € por semana
 
As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es co procedemento ED202A
Máis información no DOG do 18 de maio de 2017 e en www.edu.xunta.es/fp