Voluntariado local, nacional, internacional e europeo participará no Xacobeo e prestará, por primeira vez, a súa colaboración nos nove camiños

22 Dec 2009

O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, e o director-xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, presentaron esta mañá o programa de voluntariado de cara ao Ano Xubilar.  Rodeiro anunciou, ademais, o primeiro programa de voluntariado internacional para este evento, campos de traballo relacionados co Camiño de Santiago e un proxecto de voluntariado sanitario.

A Xunta porá en marcha puntos fixos de información nas zonas con máis afluencia dos Camiños.
Todos os participantes recibirán formación específica antes de desenvolver as súas tarefas, para ofrecer unha atención ampla e técnica.

O prazo para inscribirse no voluntariado local comeza o 15 de xaneiro.
Voluntarios galegos, doutras comunidades, xunto con europeos e doutros continentes participarán no Xacobeo grazas ao programa de voluntariado posto en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Todos eles prestarán os seus servizos, por primeira vez, nos nove Camiños.

Así o explicaron hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, durante o transcurso dunha rolda de prensa. Ambos destacaron o importante papel que desenvolven os voluntarios.

En concreto, Rodeiro sinalou que este programa é un dos plans de voluntariado máis ambiciosos, e apuntou que, por primeira vez, os campos de traballo se sumarán a iniciativa, así como o voluntariado lingüístico con participantes de 19 países.

Pola súa banda, Santos fixo fincapé no importantísimo labor que desenvolven aos voluntarios, xa que o seu traballo será fundamental para que todos aqueles que nos visiten leven consigo unha inmellorable imaxe de Galicia.

No que se refire aos detalles do plan, o director de Xuventude anunciou que o próximo 15 de xaneiro ábrese o prazo para que todos os que estean interesados poidan inscribirse no programa de voluntariado local do Xacobeo, que estará por primeira vez nos nove Camiños de Santiago.As tarefas que desenvolverán os participantes serán, basicamente, informativas, culturais e de enlace dos peregrinos con outros organismos e persoas.

Rodeiro detallou que este programa levará a cabo distintas actividades a desenvolver ao longo do Ano Xubilar. En concreto, fixo referencia ao voluntarios locais, aos campos de traballo no Camiño, ao voluntariado sanitario e ao proxecto Eu Camiño.