Amplíase o prazo para a inscrición nas xornadas "Implicando á xuventude na conservación do medio ambiente e o desenvolvemento sustentable", no marco do programa MOVIC´17

07 Xun 2017

Amplíase o prazo de inscrición ata o día 12 de xuño

 

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, xunto coa Rede Española de Albergues Xuvenís (REAJ), organiza as xornadas “Implicando á xuventude na conservación do medio ambiente e o desenvolvemento sustentable”, no marco do programa MOVIC´17.

Os obxectivos últimos do programa MOVIC son manter e crear novos vínculos entre as persoas mozas das distintas comunidades autónomas, materializados a través da posta en marcha de actividades nos albergues xuvenís; promocionar e difundir o movemento alberguista e as potencialidades dos establecementos xuvenís que conforman a Rede; e fomentar a mobilidade xuvenil e a adquisición de valores coa posta en marcha de actividades en distintos ámbitos.

No Albergue Xuvenil de Gandarío, que forma parte da REAJ, organízanse estas xornadas co obxectivo concreto de visibilizar entre os mozos as oportunidades sociais e económicas que se xeran arredor das Reservas da Biosfera e dos espazos naturais protexidos, enmárcase esta actividade de tres días dirixida especialmente a vós, verdadeiros motores de futuro para estas áreas protexidas.

Estas xornadas vanse desenvolver integramente en distintos espazos naturais da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo declarada pola UNESCO en 2013. As Reservas da Biosfera son territorios que teñen como obxectivo fundamental a protección e o mantemento do patrimonio natural e cultural, conciliándoo e harmonizándoo co desenvolvemento económico e social.

Nestes días visitaremos e realizaremos actividades en dous espazos naturais protexidos emblemáticos desta Reserva xa que albergan valores naturais sobresalientes, con especies de flora e fauna ameazadas ou raras moi valiosas.

Ademais, ambos forman parte da Rede Natura 2000, unha rede de espazos naturais a nivel europeo.

MOVIC17.1

Na Zona de Especial Conservación Betanzos-Mandeo sobresaen os seus bosques de ribeira de ameneiros e freixos, e as fragas de carballo que dan refuxio e alimento a unha gran diversidade de especies, incluso varios fieitos relictos do Terciario ou unha das poboacións ibéricas máis importantes do cada vez máis escaso mexillón de río ou maderperla.

A Costa de Dexo, que é Monumento Natural e tamén forma parte da Rede Natura 2000, é unha importante área de cantiis, covas mariñas, e illotes que se estende ao longo dun dos tramos de costa mellor conservados do Golfo Ártabro, un espazo natural de gran interese polo seu xeomorfología e o seu alto valor paisaxístico.
Durante estes tres días realizaremos diversas actividades de investigación e coñecemento do medio natural e os seus valores pero tamén desenvolveremos actividades de voluntariado ambiental que contribúen de forma moi positiva á conservación da natureza. Teremos, ademais, a oportunidade de coñecer outras oportunidades de economía alternativas e sustentables coa conservación do medio ambiente.

MOVIC17.2

 

 

Para mais información:

MÁIS INFORMACIÓN

MÁS INFORMACIÓN

FORMULARIO

FORMULARIO