A Xunta reforza o programa Galeuropa para mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas menores de 30 anos

16 Mai 2017

A directora xeral de Xuventude destacou que esta iniciativa “é unha oportunidade para a mocidade e para dotar de profesionais de calidade o tecido empresarial galego nun momento de tan rápida transformación do mercado laboral”

Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela corrobora que o desemprego entre os participantes en edicións anteriores deste programa diminuíu nun 67%

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, deu a coñecer hoxe a nova edición do programa Galeuropa, iniciativa da Unión Europea na que participa a Xunta e que ten como obxectivo a mellora das competencias profesionais da mocidade mediante a realización de prácticas formativas en empresas europeas. Esta presentación coincide coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das bases deste programa para 2017 e na mesma a responsable autonómica estivo acompañada de Paula Pedreira, estudante de Dereito que na edición do ano pasado ampliou a súa formación con prácticas na Cámara Hispano-Lusa, en Lisboa (Portugal), grazas a Galeuropa.

Desta nova convocatoria de Galeuropa, Cecilia Vázquez destacou o crecemento do orzamento ata acadar os 2,1 millóns de euros para a presente anualidade, o que beneficiará a medio millar de mozos de mozas. Así, indicou que os participantes neste programa “gañarán competencias que lles axudarán logo ao seu desempeño laboral como as aptitudes para os idiomas, a habilidade para traballar nun contexto internacional, a capacidade de adaptación a distintos modelos organizativos e o coñecemento de culturas e costumes doutros países”.

Ademais, a responsable autonómica indicou que “nun momento de transformación tan rápida do mercado laboral como actual Galeuropa é unha excelente oportunidade para dotar de recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego, así como para detectar novos sectores empresariais para implantar en Galicia e descubrir novas posibilidades de internacionalización para as empresas galegas”.

A Xunta impulsa Galeuropa desde 2012 e na edición de 2015 Galicia convértese na única Comunidade Autónoma que certifica de xeito oficial a participación neste programa e de todos aqueles vinculados á educación non formal, o que permite incorporar esta experiencias nos currículos dos participantes.

Desde as primeiras edicións, participaron nesta iniciativa preto dun millar de mozos e mozas, sendo os principais países elixidos para as prácticas Reino Unido, Portugal, Irlanda e Italia.

Segundo un estudo da Universidade de Santiago de Compostela sobre os programas de educación non formal e a empregabilidade da xuventude en Galicia, Galeuropa permitiu que o desemprego entre os inscritos en edicións anteriores diminuíse nun 67%. Asemade, antes das prácticas, un 70,4% dos beneficiarios estaban en paro, cifra que se reduciu posteriormente ata o 23,4%. O estudo conclúe que o grao de satisfacción dos participantes é do 80% e que un 92% recomendarían Galeuropa aos seus amigos.

Galeuropa 2017 establece axudas a mozos e mozas menores de 30 anos a título individual, que deberán estar inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, e tamén a proxectos presentados por concellos e organizacións sen ánimo de lucro. As prácticas, que se poderán desenvolver en 27 países europeos, terán unha duración de dous a tres meses.

A iniciativa se enmarca na firma aposta do Goberno galego polos programas de educación non formal que preparen aos mozos e mozas para o futuro, como son tamén Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil, Erasmus +, a Campaña de Verán (campamentos e campos de traballo) e Deseñando o teu Futuro.