A Xunta conmemora o 30 aniversario do programa ‘Erasmus+’ cun encontro de voluntarios en iniciativas europeas

15 Mai 2017

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, organiza esta actividade que se desenvolverá o vindeiro día 30 de maio no Espazo Xove de Noia

A inscrición para participar neste encontro ábrese o luns, sendo obxectivo do mesmo coñecer proxectos e que os mozos e mozas obteñan información e asesoramento sobre este programa

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, en colaboración coa Axencia Nacional do programa ‘Erasmus+: Xuventude en Acción’, organizará o 30 de maio en Noia unha xornada de intercambio de experiencias entre os participantes desta iniciativa de voluntariado xuvenil europeo, que este ano cumpre o seu 30 aniversario.

Xuventude quere pór en valor os proxectos que se realizaron ou se están a realizar centrados na participación e a cidadanía activa, así como na inclusión de mozos e mozas que presentan especiais dificultades. A xornada, baixo o lema ‘30 anos compartindo experiencias de participación e inclusión en Erasmus+’, será un punto de encontro e coñecemento para que tanto as entidades como as persoas que traballan en Erasmus+ e en proxectos de inclusión poidan achegarse e obter información e asesoramento sobre as oportunidades que ofrece o programa, ao tempo que coñecen experiencias neste ámbito.

Esta iniciativa ten como destinatarios a responsables de entidades participantes no ‘Erasmus+’, técnicos xestores de proxectos europeos, mozos e mozas interesados en participar no programa; organismos públicos implicados, persoal das distintas administracións que traballen no ámbito de xuventude ou calquera persoa interesada. A inscrición para participar, que se abrirá mañá luns, día15, cun total de 70 prazas, será mediante formulario electrónico dispoñible na web de Xuventude.

O encontro descorrerá no Espazo Xove de Noia e incluirá o relatorio ‘30 anos compartindo experiencias de participación en Erasmus+. A inclusión nos proxectos Erasmus +0’, e un panel de experiencias de entidades e participantes no programa. Paralelamente instalarase unha zona expositiva con material gráfico e audiovisual sobre proxectos realizados e un punto de información e asesoramento,

O ‘Erasmus+’ para a educación, a formación, a mocidade e o deporte, con vixencia 2014 – 2020, busca, entre outros fins, mellorar o nivel de aptitudes e competencias dos mozos e mozas, promover a participación na vida democrática en Europa e no mercado de traballo, a cidadanía activa, o diálogo intercultural, a inclusión social e a solidariedade, así como potenciar a dimensión internacional das actividades xuvenís.

 

Inscrición na Xornada no Espazo Xove de Noia