Rey Varela despide aos mozos italianos que visitaron Galicia grazas ao programa de intercambio ‘A Xuventude no mundo’

15 Mai 2017

 O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, despediu esta mañá ao grupo de 25 mozos e mozas procedentes de Sicilia (Italia), que participaron no intercambio A xuventude no mundo da Xunta de Galicia e a través do cal puideron coñecer Galicia durante unha semana.

A expedición contou cun amplo calendario a través do cal coñeceron a realidade galega, así como a cultura e a gastronomía. Ademais, os participantes neste intercambio coñeceron paraxes e contornas emblemáticas dende o punto de vista cultural, patrimonial e histórico como a catedral de Santiago e o casco histórico da capital galega, a praza de abastos compostelá, o Museo do Pobo Galego e o Museo das Peregrinacións, o Mosteiro de Santo Domingo de Bonaval ou a Torre de Hércules, entre outros.

“Os participantes nesta iniciativa incrementan o seu nivel de independencia e responsabilidade ao tempo que se potencia o voluntariado e a tolerancia”, declarou Rey Varela durante a despedida, na que desexou unha boa viaxe aos mozos e mozas e que esta experiencia lles fose proveitosa.