Esta actividade enmárcase no programa A xuventude no mundo da Consellería de Política Social, que promove o intercambio de experiencias entre a mocidade galega e a doutros países
Ademais das instalacións cercedenses, os mozos e mozas italianos puideron coñecer e gozar dalgúns dos contornos galegos máis emblemáticos dende o punto de vista cultural, histórico, patrimonial e medioambiental, como a catedral de Santiago, a Torre de Hércules, o castro de Baroña ou a praia de Riazor, entre outros
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, acompañou esta mañá a un grupo de mozos e mozas de Sicilia (Italia) nunha visita ao complexo industrial da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama). Esta actividade enmárcase no programa de intercambio A xuventude no mundo da Xunta de Galicia e tivo por obxectivo que esta delegación coñecese o cometido desta empresa pública que dá servizo a 294 concellos galegos, xestionando e tratando cada día os residuos urbanos producidos por máis de 2.260.000 habitantes.
Tras ser recibidos polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, os integrantes do colectivo italiano recibiron as oportunas explicacións, a cargo de educadores ambientais, sobre o funcionamento do complexo industrial de Cerceda, efectuando a posteriori un percorrido guiado polas plantas que o conforman. Desta forma, puideron comprobar por si mesmos o circuíto que segue o residuo para ser reciclado ou ben para ser valorizado enerxeticamente, no que caso de que, dadas as súas características, non poida ser aproveitado doutra forma. E todo iso desde o máximo respecto ambiental e desde a máxima pulcritude operativa.
Esta actividade súmase a outras que o grupo italiano xa puido experimentar en días pasados, deseñando para eles un calendario máis amplo a través do cal se posibilita o contacto coa realidade galega. Así, os participantes neste intercambio coñeceron paraxes e contornas emblemáticas dende o punto de vista cultural, patrimonial e histórico como a catedral de Santiago e o casco histórico da capital galega, a praza de abastos compostelá, o Museo do Pobo Galego e o Museo das Peregrinacións, o mosteiro de San Domingos de Bonaval ou a Torre de Hércules, entre outros.
Tamén visitaron diversos espazos naturais referentes na nosa comunidade, tales como o castro de Baroña, o Complexo Dunar de Corrubedo, o miradoiro da Curota, a praia de Riazor, etc. Asemade, esta experiencia permitiu que degustasen produtos típicos galegos.
A responsable autonómica de Xuventude explicou que, ao igual que cando estiveron mozos e mozas galegos na provincia italiana de Messina, “os participantes nesta iniciativa iniciativa incrementan o seu nivel de independencia e responsabilidade, vencen prexuízos e potencian a solidariedade, o voluntariado e a tolerancia”.
A xuventude non mundo é unha acción de mobilidade que ten por obxecto que mozos de Galicia de entre 18 e 30 anos poidan levar a cabo actividades de interese para a súa formación e desenvolvemento noutros países e que experimenten accións de educación non formal no estranxeiro, fomentando así a convivencia e interacción con persoas de distintas rexións. Iso permítelles comprender a diversidade sociocultural, coñecer outras linguas, culturas e costumes e, en definitiva, adquirir toda unha serie de habilidades e competencias que faciliten o seu desenvolvemento persoal.
Desde 2010, máis de 550 mozos galegos participaron neste programa, dando así resposta a un dos eixos prioritarios das políticas de mocidade como é a promoción da mobilidade xuvenil, entendida como unha activa implicación dos mozos na vida social, cultural e educativa da rexión á que se desprazan temporalmente