Deseñando o teu futuro

12 Mai 2017

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca o Programa Deseñando o teu futuro, un programa de aproximación da mocidade galega ao ámbito sociolaboral mediante o desenvolvemento de estadías–visitas en distintos sectores das empresas/entidades públicas e privadas, facilitando, deste xeito, unha experiencia que lle permita decidir a súa traxectoria formativa profesional.

Finalidade da subvención:
Financiar proxectos dirixidos a que os mozos e as mozas entre 14 e 18 anos realicen estadías-visitas non remuneradas nos distintos sectores das empresas/entidades públicas ou privadas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de que adquiran competencias, habilidades e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e a súa formación.

Entidades beneficiarias:
A) Entidades sen ánimo de lucro, con sede permanente ou domicilio social en Galicia que lle presten servizos á mocidade, e as súas respectivas federacións.
B) Concellos, agrupacións de concellos ou mancomunidades da Comunidade Autónoma validamente constituídas.

Proxectos subvencionables:
a) Deben ter como persoas destinatarias mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e 18 anos con autorización do pai, da nai ou titor/a legal.
b) O período do proxecto será de dous meses e terá como data límite de realización o 15 de novembro de 2017.
c) A duración das estadías-visitas será entre 5 e 15 días hábiles. As xornadas diarias nas empresas serán de 4 horas como mínimo.
d) O número de mozos/as participantes non poderá ser superior a 15.

Os proxectos constarán de tres fases:
a) Organización e planificación, que inclúe entre outros, o proceso selectivo e a busca de empresas de acollida para as estadías-visitas.
b) A realización das estadías-visitas non remuneradas nos distintos sectores das empresas/entidades públicas ou privadas radicadas en Galicia que incluirá a titorización e o seguimento das estadías.
c) Avaliación e seguimento posterior que inclúe a visualización que se dará ao proxecto en particular e ao programa Deseñando o teu futuro en xeral.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos en https://sede.xunta.es co procedemento BS326A
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 12 de xuño de 2017.

Máis información no DOG do 12 de maio de 2017.