A Xunta recibe 25 mozos e mozas italianos que participan no programa A xuventude no mundo

09 Mai 2017

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, recibiu hoxe en Santiago a un grupo de 25 mozos e mozas procedentes da rexión de Sicilia (Italia), que participan nun intercambio bilateral enmarcado dentro do programa galego A xuventude no mundo, que organiza a Consellería de Política Social para impulsar a educación non formal e a solidariedade.

Esta iniciativa forma parte das accións de colaboración que en materia de xuventude manteñen a Xunta de Galicia e varias entidades locais da rexión de Sicilia. Cecilia Vázquez animou aos mozos e mozas a aproveitar ao máximo esta convivencia durante os sete días que dura o intercambio, xa que lles permitirá “compartir experiencias, culturas, tradicións, costumes e habilidades” que logo lles axudará “a adquisición de competencias, aptitudes e habilidades para o desenvolvemento persoal, educativo e profesional”, explicou.

Durante a súa estancia, os mozos sicilianos interactúan en distintas actividades como obradoiros, charlas informativas e dinámicas de grupo sobre diversos temas coa fin de reforzar os vínculos entre eles e entre eles e Galicia.

O programa A xuventude no mundo da Xunta é de carácter bilateral, é dicir, potencia tamén a formación da mocidade galega no estranxeiro a través de estancias nas que os participantes son acollidos por unha entidade xuvenil do país de referencia e comparten un amplo programa de actividades, o que supón a súa implicación activa na vida social, cultural e educativa da rexión á que temporalmente se van desprazar. De feito, un grupo de 10 mozos e mozas galegos xa realizaron a súa estadía en Sicilia, o que lles serviu para mellorar o seu coñecemento doutras linguas, culturas e costumes, ao tempo que incrementaron o seu nivel de independencia e responsabilidade.

Os intercambios constan con aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, transporte na cidade e actividades organizadas pola entidade de acollida. A cargo dos participantes correrá o desprazamento ata o lugar, o seguro da viaxe, de accidente e de enfermidade.