O “Tráiler da Solidariedade”, da Consellería de Traballo e Benestar, estará estacionado na Alameda en Santiago de Compostela ata o próximo venres, 23 de setembro.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe este espazo, no que as administracións públicas e as entidades de acción voluntaria poden amosar os proxectos que están desenvolvendo en materia de voluntariado co obxectivo de dar a coñecer a todos os galegos e galegas a realidade do voluntariado en Galicia.
O “Tráiler da Solidariedade”, que se puxo en marcha o pasado 25 de xullo en Lugo, levará a cabo unha campaña de promoción do voluntariado galego, dentro da ampla programación que está organizando a Xunta con motivo deste Ano Europeo do Voluntariado en 2011.
De feito, Galicia acollerá este ano –como punto e final a toda a programación- o XIV Congreso Estatal de Voluntariado que se celebrará na Coruña a finais de novembro baixo o lema “Camiños de Solidariedade”.
O Congreso contará coa asistencia de personalidades da Unión Europea e de entidades de voluntariado de varios países europeos, así como con diversas mesas redondas e cun apartado de colaboración e boas prácticas para as entidades participantes.
Este bus solidario, tras o seu paso por Lugo, Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, visitará Pontevedra (do 24 a 30 de setembro); Vigo (do 1 a 7 de outubro); e Ourense (do 8 a 14 de outubro).