A Xunta achega ás universidades galegas o programa Erasmus+ 2014-2020

04 Mai 2017

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acompañada do director do Instituto da Xuventude de España (Injuve), Javier Dorado, participaron esta tarde no Campus Universitario de Vigo na xornada formativa e informativa organizada pola Xunta de Galicia co fin de difundir entre a comunidade universitaria o programa europeo Erasmus+ 2014-2020. A actividade, que tamén se desenvolverá nos campus de Lugo, Ourense e A Coruña, enmárcase nas actividades programadas con motivo da Semana Europea da Xuventude (do 1 ao 7 de maio) que, baixo o lemaCrea o teu futuro, lánzate, víveo, se desenvolve nos 33 países que participan no programa Erasmus+.

Así as cousas, Cecilia Vázquez lembrou en Vigo que o Erasmus+ busca que os mozos e mozas poidan desenvolver a través de estancias no estranxeiro novas experiencias en educación non formal, ampliar o seu coñecemento doutras linguas, culturas e costumes e incrementar o seu nivel de independencia e responsabilidade, “que son algunhas das aptitudes que máis lles van a axudar na busca do seu futuro profesional”, sostivo. Estas competencias serán logo certificadas oficialmente pola Xunta de Galicia de xeito que se poidan avaliar e incluír nos currículos e incrementar así as posibilidades de atopar emprego.

Nesta liña, a directora xeral de Xuventude animou aos mozos e mozas participantes a seguir os pasos dos más de mil mozos galegos que no 2016 participaron no Erasmus+ nos 42 proxectos impulsados por Galicia, unha das rexións máis activas tanto no número de ideas presentadas e aprobadas como nos fondos recibidos da Unión Europea. E, ao fío, tanto Cecilia Vázquez como Javier Dorado aproveitaron a súa estancia no Campus para escoitar as propostas da mocidade sobre o futuro de Europa e das políticas de xuventude a desenvolver.

Outros Campus
As xornadas contan con dúas actividades simultáneas: talleres de difusión e asesoramento sobre o programa e unha unidade móbil informativa a pé de rúa. Desenvólvense en horario de tarde, de 16,30 a 20,30 h., do 2 ao 5 de maio en catro campus universitarios galegos: o martes na aula e-Terra da Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo; o mércores na aula 1 do Edificio Miralles do Campus de Vigo; o xoves no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa no Campus de Elviña (A Coruña); e o venres na aula 1.5 do Edificio de Ferro do Campus de Ourense.